Por fin chegamos ao remate do ano. Un ano horribilis!, como xa nos dixera a vella dirixente británica. Levamos xa uns cantos escoitando voces dende tódolos recunchos sen que puideramos divisar, ainda que fugazmente, a saída do túnel. Deste túnel sen final en que nos meteron “os que manexan a pasta”, que son os mesmos que nos están pedindo (pedindo non; impoñendo) que baixemos os nosos soldos, que eliminemos os gastos non imprescindibles e que nos preparemos para tempos peores. Cando somos informados ou nos informamos de como, cando e de que maneira se produciu todo isto, non nos faltan ganas de berrar alto e forte: Xa está ben de tanto abuso, de tanta cruel hipocrisía!! Un coloso das finanzas, que cometeu todo tipo de abusos contables e de xestión, provoca esta reacción en cadea que nos puxo ao borde do abismo e, para máis inri, os gobernos, todos os gobernos, saen en estampida a salvar aos banqueiros e a pedirnos a nós, os paganinis de sempre, que agarremos o cinto porque os pantalóns xa están polo chan. Curioso, verdade? No Estado español, segundo tódalas voces autorizadas, era preciso cambiar de rumbo. Había que dar paso a un novo equipo de goberno. Os socialistas non entenderan a tempo o que nos viña enriba. Ben; cambiamos de goberno; cambiamos de signo político, pero as cousas seguen presentando unha mala cara como se nada tivera ocorrido. Non era iso o que precisabamos senón un cambio real na dirección en que vai o mundo das finanzas. Entramos nunha era na que os gobernos son meras marionetas manexadas por “entidades con ánimo de lucro” (mellor dito, con entidades especulativas, sen escrúpulos) que cortan o bacallau como lles pluga. Aos gobernos só se lles permite administrar, aplicar as normas dunha economía de auténtica explotación que ven dictada dende… Curioso, ninguén se atreve a dicir de onde veñen as directrices, ainda que todos saben a súa procedencia. Total, unha auténtica vergoña. Vergoña que nos empaña este Nadal; un dos máis tristes dos últimos anos. Que vostedes consigan un chisco de paz e alegría que boa falta nos fai a todos. Felices festas e próspero ano novo!