Teño para min que a actitude de cada quen a respecto das festas do Nadal non ten demasiado a ver coa relación persoal co feito relixioso e si moito máis coa inculturación e coas vivencias e aprendizaxes de cando cativos e mozos.
Neste senso, respecto fondamente quen refuga da omnipresenza nadalicia na praza pública, considerándoa desaquelada nun Estado aconfesional como tamén respecto ao esencialismo que refuga a paganización comercial do Nadal cristián. Mais unha e outra actitude crítica atenden só a unha faciana parcial do fenómeno e non perciben a globalidade dun fenómeno social que integra amplos sectores da sociedade nun consenso soft a respecto de valores difusos de boa convivencia social e xuntanza familiar, atención ás crianzas e vagos desexos de paz.
Quizais o signo dos tempos actuais sexa a tendencia social cara unha iluminación nadalicia que enche de luz (ás veces mesmo de máis ou desaqueladamente) os espazos urbanos, fronte aos nadais e árbores que recúan discretamente na súa presenza pública.
Cómpre, porén, lembrar e mesmo incorporar aos contidos curriculares da instrución pública, o coñecemento histórico de que o Nadal cristianizou tanto as Saturnais romanas como todo un conxunto de celebracións propias de civilizacións agrarias do solsticio de inverno, que sinalaba as noites máis longas do ano e o comezo do seu minguar. Un proceso, por certo, planificado polo miúdo polo emperador Constantinus e o papa Iulius no século IV que se alicerzou despois na consideración do cristianismo como única relixión do Imperio e a prohibición dos outros cultos relixiosos.
Tamén cómpre salientar a progresiva recepción na sociedade galega de costumes nadalicios propios doutros lugares, espallados polo hexemonismo cultural castelán baseado na forza do Estado. Velaí como recuaron costumes galegos como a de cantar os Reis ou a propia personaxe do Apalpador, indubidábelmente vencellado a tradicións semellantes doutos países europeos, como o Olentxero. Velaí a visión histórica do fenómeno, que é quen de entender evolucións ás veces culturalmente impostas, mais que con maior motivo habería apoiar a recuperación e difusión desta caste de tradicións nadalicias galegas.
“Cómpre salientar a progresiva recepción na sociedade galega de costumes nadalicios propios doutros lugares”
É evidente a trascendencia económica destas festas para o noso comercio de proximidade e a nosa hostalería. E o seu vencellamento con este consenso difuso, mesmo coa ampliación da tempada de luces ao black friday e ao tempo de rebaixas de xaneiro, no que coinciden varios concellos galegos diante do pedimento xeral deste comercio de proximidade e da hostalería. Mesmo xa temos en Vigo sinais de saturación turística de inverno.
O tempo do Nadal, para a desgraza do mundo, non é tempo de tregua nas violencias armadas. Os intereses dos señores da guerra (políticos, militares e fabricantes de armas) impediron case sempre o establecemento desta caste de treguas, porque a tregua sempre foi, historicamente, o primeiro paso cara armisticios e acordos de paz. Este difuso consenso nadalicio, dende logo, non vai facer mudar o mundo para moito mellor. Mais penso, en calquera caso, que tampouco para peor.
Bo Nadal, bo Solsticio de Inverno. E moi boas festas a todo/as!