Ponteareas | Ponteareas levará o Día das Letras Galegas a todos os fogares. O Concello, como vén facendo dende hai varios anos, divulgará a figura do escritor homenaxeado este ano o 17 de maio, Francisco Fernández del Riego, a travéa de bolsas de pan conmemorativas que embolsarán e repartirán as panadarías locais.
As bolsas levan impresas por unha cara a imaxe de Francisco Fernández del Riego xunto cunha reseña da súa vida e obra e un relato extraído dunha das súas obras, O cego de Pumardedón, escrita polo autor en 1992. Pola outra cara da bolsa, a homenaxe será ao trobador galego-portugués Johan Garcia de Guilhade e incorporará varias cantigas.
En total serán 9.000 bolsas de papel ecolóxicas, procedentes de fontes sostíbeis, fabricadas en Galicia e reciclábeis que difundirán a figura destes persoeiros da literatura galega, levando a súa obra a milleiros de fogares ponteareáns.
O concelleiro de Lingua, Fernando Groba, agradece a todas as panadarías locais a súa colaboración un ano máis para seguir difundindo figuras literarias de relevo e anima á veciñanza a achegarse aos seus establecementos habituais para conseguir este orixinal elemento decorativo.