Ponteareas | A Concellería de Mobilidade, Seguridade, Bombeiros e Protección Civil, Vías e Obras informa de que os bombeiros de Ponteareas realizaron ata o momento máis de 100 servizos para resolver as incidencias derivadas do temporal Kirk.
Entre todas as actuacións das últimas horas, os bombeiros tiveron que atender dous accidentes de tráfico (un en Villasobroso e outro na carretera de Mondariz), un incendio na estación de tren de Arbo, retirar máis dun centenar de árbores e ser capaces de chegar aos barrios das parroquias que quedaron illadas por algunha incidencia. A estas horas nas que os fortes ventos e a choiva xa case desapareceron, os bombeiros continúan traballando para intentar que todo o entorno recupere canto antes a normalidade.
O 1º tenente de alcaldesa e concelleiro Juan Carlos González destacou que “dende o Concello queremos agradecer o incrible traballo realizado polo servizo de bombeiros dende a media noite e que continúan facendo agora mesmo. E tamén ao resto de traballadores municipais das concellerías de Medio Ambiente, Vías e Obras, os voluntarios de protección civil e a policía local.
En total, entre bombeiros e traballadores municipais, son 20 os efectivos que están a traballar duramente e están poñendo todo da súa parte para chegar a todos os recunchos e resolver todas as incidencias”. Dende os servizos de emerxencias continúan pedindo á cidadanía que sexamos prudentes e que, nestas situacións, evitemos desprazamentos innecesarios.
Dende o Concello de Ponteareas estase a traballar man a man coa Amxega e agradecemos que se algún veciño ou veciña detecta algunha incidencia a faga constar directamente ao 112.
Deputación mantén pechado o castelo de Soutomaior e abre Sobroso
Varias árbores do xardín do Castelo de Soutomaior caeron e un equipo de operarios traballa no acondicionamento do recinto para abrilo, previsiblemente, o venres.
A Deputación de Pontevedra manterá pechado o castelo de Soutomaior este xoves para poder garantir a seguridade das persoas visitantes. Varias árbores do xardín do recinto caeron por mor das fortes chuvias e ventos provocados pola borrasca Kirk e un equipo de operarios está a traballar no acondicionamento do espazo para abrilo, previsiblemente, este venres.
Pola súa banda, no caso do castelo de Sobroso, a institución provincial prevé que mañá estea aberto no seu horario habitual, debido a que os danos que ocasionou o ex furacán ao seu paso pola contorna do recinto histórico atópanse solucionados. Tanto o Castelo de Soutomaior como o de Sobroso teñen abertas as súas portas ao público habitualmente entre o martes e o domingo. En Soutomaior as visitas teñen lugar entre as 10.00 e as 19.00 horas e en Sobroso entre as 10:00 e as 13:00 e as 15:00 e 18:00 horas.