Félix Caballero | Raphael Bordallo Pinheiro (Lisboa, 1846-1905) e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, A Coruña-Bos Aires, Arxentina, 1950) son os pais e os cumios do humor gráfico galego-portugués. Nin Bordallo foi o primeiro caricaturista de Portugal nin Castelao o primeiro de Galicia, mais, pola calidade e a influencia da súa obra, son considerados os verdadeiros creadores –os lexítimos pais– do humor gráfico moderno en Portugal e Galicia, respectivamente. E aínda hoxe, moitas décadas despois da súa morte, e malia a existencia posterior doutros artistas aos que se lles debe dar tamén a categoría de mestres –Leal da Câmara, Stuart Carvalhais ou João Abel Manta en Portugal; Maside, Cebreiro, Atomé, Quesada, Siro ou Xaquín Marín en Galicia–, seguen a representar os cumios do humor gráfico galego-portugués.
Raphael Bordallo Pinheiro (escrito tamén Rafael Bordalo Pinheiro) revolucionará o humor gráfico portugués coa fundación de catro sobresaíntes publicacións periódicas. De 1875 data a primeira, A Lanterna Mágica, coa que o humor en prensa conquista a maioría de idade en Portugal. É aí onde, o 12 de xuño de 1875, crea a Zé Povinho, símbolo iconográfico do portugués como pobo, que axiña pasará a prototipo da sátira caricatural portuguesa.
Tras o peche ese mesmo ano d’A Lanterna Mágica, Bordallo emigra a Brasil, aproveitando unha oferta para traballar en Río de Xaneiro. Ao seu regreso, en 1879 crea O António Maria, cuxo nome fai referencia a António Maria Fontes Pereira de Mello, o home forte da política da época (primeiro ministro de 1871 a 1886 durante tres mandatos interrompidos) e un dos principais políticos portugueses da segunda metade do século XIX, ao que converterá na vítima favorita das súas caricaturas. É neste xornal onde publica como encarte entre 1880 e 1885 o seu soado Álbum dás Glórias portuguesas.
O António Maria desaparece en 1885 para reaparecer aos poucos meses co título de Pontos nos ii. En 1891 o Goberno ilegalízao e Bordallo resucita O António Maria (2ª época), que durará ata 1898.
A Paródia (1900-1906) é a última gran revista de Bordallo, que publica nela a serie zoomórfica que podemos considerar como a súa testamento artístico: A política: a grande porca; As finanças: o grande cão; A economia: a galinha choca; A retórica parlamentar: o grande papagaio; e A reacção: a grande toupa. Na publicación colabora activamente Manuel Gustavo Bordallo Pinheiro (1867-1920), fillo do mestre e un dos raphaelistas máis destacábeis do seu tempo, eclipsado polo seu pai.
Bordallo revolucionou tamén a industria da cerámica, convertendo Caldas da Rainha na capital da caricatura en barro a partir de 1884, cando foi reclamado como director artístico polo seu irmán Feliciano, impulsor da fábrica.
En 1924, vinte anos despois da súa morte, inaugurouse en Lisboa o Museo Raphael Bordallo Pinheiro, onde se pode admirar unha sobresaínte escolma de caricaturas e cerámicas do artista portugués.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao debuta en 1909 asinando a portada do primeiro número da revista viguesa Vida Gallega. Logo foi director gráfico e administrativo d’O Barbero Municipal (Rianxo, 1910), mais será nos diarios, e en concreto nos vigueses Galicia, Faro de Vigo e El Pueblo Gallego, onde realizará o mellor da súa obra como debuxante de humor. No primeiro, en xullo de 1923, nacen as súas Cousas da vida –o seu traballo humorístico máis recoñecido–, que continuará de 1926 a 1933 en Faro de Vigo. En 1931 publicou o álbum Nós –con debuxos realizados entre 1916 e 1918–, considerado outra das súas obras cume.
Aínda que o galego naceu e principiou a súa carreira corenta anos despois que o portugués, entre un e outro descubrimos unha serie de interesantes paralelismos:
Os dous parten do estilo do seu tempo para crear unha obra xenial
Bordallo e Castelao son fillos do seu tempo e, xa que logo, parten dos estilos imperantes naquel momento, pero o xenio que encerran lévalles logo a facelos seus e transcendelos, apuntando novos camiños.
Bordallo practica a caricatura naturalista posta de moda en Europa e América por Honoré Daumier (Marsella, 1808-Valmondois, 1879) e outros caricaturistas franceses en La Caricature (1830-1835) e Le Charivari (1832-1837), fundadas ambas as dúas por Charles Phiippon (Lyon, 1800-París, 1862). Pero non cae nas caricaturas camaróns creadas polo francés André Gill (París, 1840-Saint Maurice, 1885) durante o Segundo Imperio, nas que a cabeza é enorme e o corpo diminuto.
Castelao practica a caricatura síntese, de liña, de forte pegada modernista, posta de moda en toda Europa pola revista alemá Simplicissimus, na que colaboraron caricaturistas como o noruegués Olaf Gulbransson (1873-1958) ou o xermano George Grosz (1893-1959).
A caricatura síntese despraza a caricatura naturalista da etapa anterior. Xa non se trata de esaxerar ningún risco, senón de escoller só os esencialmente expresivos, suprimindo todos os demais. Como dixo o propio Castelao na súa conferencia Algo acerca da caricatura (1911), “débese copiar a actitude e a expresión dun momento psicolóxico característico, as súas idiosincrasias se é posíbel; e todo isto coa menor cantidade de liñas, as indispensábeis para comprender a expresión, pois xa se sabe que non a anatomía senón a fisioloxía do individuo (…) é o que se retrata”.
A síntese expresiva das súas Cousas da vida, realizadas durante os anos vinte e primeiros trinta do século pasado, devén en realismo nos álbums da guerra. Non son as ilustracións compostas a base de liñas sinxelas, que representaban os elementos esenciais das personaxes, senón uns debuxos nos que predomina o sombreado, o claroscuro e as tonalidades negras. Na serie Os meus compañeiros, realizada en Bos Aires entre 1940 e 1941, o artista acada o cumio do realismo.
O estilo de Castelao non sempre foi o mesmo e por iso, ao referírmonos á súa obra, falamos, segundo o momento, de modernismo, arte xaponesa, expresionismo ou realismo. En calquera caso, foi un artista autodidacta que non quixo facer unha arte vangardista, senón que fose entendido e popular.
Os dous son máis irónicos ca satíricos
Tanto Bordallo Pinheiro como Castelao son máis irónicos ca satíricos, máis críticos ca panfletistas. A sátira partidista e panfletaria dos caricaturistas anteriores deixa paso, con eles, a un humor moralizante, que pon de manifesto os vicios da sociedade para os corrixir.
O historiador portugués Osvaldo Macedo de Sousa di de Bordallo que “con el nace o debuxo humorístico xeralista, recusando a función de denunciador de ridículos para ser un ‘orquestador de motivos risíbeis’. Prefire a ironía á sátira, e aínda que agora opte por se rir cos criticados, en troques de, non deixa de desexar ser incómodo. El definirá entón a arte do humor como ‘o mesmo que cravar un cravo no acabado novo dunha casa, coa protesta das autoridades. Caricaturizar é esnaquizar ese acabado”.
O mesmo podemos dicir de Castelao. Esnaquizar ese acabado ou morder. En palabras do propio humorista (Humorismo. Dibuxo humorístico. Caricatura, 1961): “Poida que non sexan humorismo nin a sátira nin a ironía, mais, con todo, coido que diante das mágoas da terra asoballada calquera humorista de boa cepa galega ten de converterse en satírico ou ironista […] ou meu galeguismo estame sempre dicindo á orella: ti, que podías rir, morde”.
Por suposto que o caricaturista galego é tamén satírico, mais, como sinala Carlos G. Reigosa, a súa ironía non se desprende nunca do sentimento para camiñar soa. A súa crítica pode ser desapiadada, pero está sempre acompañada dunha inmensa tenrura. Por iso, Siro di que Castelao é esencialmente “un humorista benévolo –un humorista puro–“, aínda que unha actitude moral o leve ocasionalmente a utilizar o sarcasmo.
Aos dous podemos aplicar tamén a seguinte frase de Jose Maria Eça de Queiroz, bo amigo de Bordallo: “O risp é unha filosofía. Moitas veces, a riso é unha salvación. E en política constitucional, polo menos é unha opinión”.
En calquera caso, Bordallo é un caricaturista de políticos e artistas, con nomes e apelidos; Castelao (que tamén deixou grandes caricaturas persoais), de caciques e labregos anónimos.
Os dous crearon escola
Tanto Bordallo como Castelao crearon senllas escolas que chegaron ata os nosos días.
Pode dicirse que entre 1870 e 1910, o 90% dos caricaturistas portugueses seguían a escola de Bordallo e aínda hoxe, 112 anos despois da súa morte, hai humoristas gráficos raphaelistas en Portugal. Entre estes seguidores destacan o seu contemporáneo Sebastião Sanhudo (Ponte de Lima, 1851-1901) –fundador de O Sorvete, o xornal satírico portugués máis lonxevo do século XIX–, o seu fillo Manuel Gustavo Bordallo Pinheiro ou Francisco Valença (Lisboa, 1882-1959), principal debuxante e director de Sempre Fixe, a publicación humorística portuguesa máis importante do século XX.
En Galicia, antes da Guerra Civil, entre 1910 e 1936, a práctica totalidade dos caricaturistas estaban influenciados por Castelao, aínda que tivesen as súas particularidades.
A etapa que vai de xaneiro de 1909 ao 18 de xullo de 1936 foi a época dourada do humor gráfico galego, aínda non igualada ata hoxe. Nun país con poucas publicacións e menos lectores, chegou a haber preto dun cento de humoristas que publicaban viñetas en galego ou bilingües, para causaren máis graza ou para diferenciaren a condición social ou económica dos personaxes: o labrego, o mariñeiro sempre falan galego; o señorito, o mestre sempre castelán.
Algúns destes humoristas eran meros afeccionados, pero no máis dos casos trátase de artistas que se sentiron atraídos pola moda do momento, xa que era infrecuente a publicación que non engadía nas súas páxinas algún mono ou caricatura. Agás raros casos, a maioría foron seguidores e imitadores da obra de Castelao. Algúns destes artistas chegarían a estar entre os grandes renovadores da arte galega no século XX: Maside, Torres, Seoane, Laxeiro… Practicamente non houbo un artista plástico galego que non fixese humor gráfico nalgún momento da súa vida: Colmeiro, Granell ou Asorey tamén o fixeron.
Entre este cento de humoristas podemos destacar a Carlos Maside, Álvaro Cebreiro, Manuel Torres, Cándido Fernández Mazas, Ignacio Vidales Tomé, Eduardo Padín, Xaime Prada, Federico Ribas, , Xulio Prieto Nespereira, Máximo Ramos, Ventura Requejo, Manolo Romano…
Tras a Guerra Civil, e malia que Castelao estivo proscrito e as súas Cousas da vida non se editaron practicamente ata 1971, o espírito do rianxeiro permanece vivo en autores como Atomé, cuxas viñetas mostran a mesma preocupación amorosa polo labrego, ou Xesús Conde, que se declaraba “o derradeiro discípulo de Castelao”.
Aínda nos anos 70 do pasado século, Siro foi chamado o novo Castelao, aínda que, como el mesmo di, os seus debuxos se parecen “coma un ovo a unha castaña”. Pero si é certo que Siro cimentou o seu estilo no estudo do rianxeiro. E, doutro xeito, a síntese expresiva de Castelao está tamén en Xaquín Marín ou Pepe Carreiro.
Os dous souberon encarnar o pobo nas súas caricaturas
Ambos os dous souberon encarnar o seu pobo nas súas caricaturas: Bordallo, en Zé Povinho, o personaxe que creou n’A Lanterna Mágica en 1875, e Castelao, en calquera dos seus paisanos (homes, mulleres, vellos, nenos), que expresan a esencia dos galegos con fondura e verdade.
Zé Povinho, o meirande acontecemento de toda a ilustración satírica portuguesa, apareceu por primeira vez o 12 de xuño de 1875 no número 5 d’A Lanterna Mágica e deseguido se converteu en símbolo de Portugal, como o John Bull inglés, o Tío Sam estadounidense ou a Marianne francesa. Pero, por primeira vez e case única no mundo, Portugal non crea un símbolo iconográfico do país, senón do pobo. Os outros símbolos son iconas de orgullo nacional, mentres que este é máis ben de vergoña. Segundo Macedo de Sousa: “Non é unha icona de orgullo nacionalista, senón unha grotesca síntese do pobo. É a imaxe do rústico que se mantén pasivamente indolente diante das argalladas dos gobernantes, diante da expoliación das súas pertenezas e dereitos, que se mantén indiferente ao progreso”.
Co tempo, de icona do pobo pasará a prototipo da sátira caricatural portuguesa. Ten sido reelaborado por moitos outros humoristas ao longo da historia, cunha presenza recorrente. Aínda hoxe podémolo atopar na prensa.
A partir do derradeiro cuarto do século XIX tomou forma tridimensional coa popularización da cerámica da fábrica de Caldas da Rainha.
Malia a antigüidade e do extraordinario éxito do Zé Povinho de Bordallo Pinheiro, o humor gráfico portugués non ten sido moi dado a xerar heroes. A excepción foron Quim e Manecas, de Stuart Carvalhais –nados o 21 de xaneiro de 1915 no número 898 d’O Século Cómico–, mais non era un cartoon político, senón infantil. O meirande heroe do humor gráfico portugués desde Zé Povinho foi o Garda Ricardo, creado por Sam (1924-1993) en Notícias de Amadora en 1971, case que cen anos despois que o personaxe de Bordallo, mais morreu co seu creador. Segundo Macedo de Sousa, “a dúbida sistemática do Garda Ricardo e do Chefe [o seu antagonista] marcou, en ironía, as dúbidas da transición marcelista, e despois da democracia. Hoxe, a súa revisión é un retrato psicolóxico da sociedade ao longo destes anos”.
Castelao fixo dos problemas dos seus paisanos labregos e marineros o centro da súa obra: a inxustiza, a emigración, o caciquismo, o réxime foral, a miseria, os costumes, as crenzas, a forma de ser… Como di Siro, tantos os seus debuxos como os textos que os acompañan están tirados do propio pobo, zumegan unha asombrosa autenticidade galega. As súas estampas “admírannos polo extraordinario dominio que demostra ó apreixar nunhas poucas liñas todos os rostros posíbeis de homes, mulleres e nenos do país. Cando Castelao deseña o rostro enxoito e cheo de enrugas do vello labrego temos ante nós un labrego que se nos amosa familiar, coma alguén que coñecemos un día non sabemos cando. E outro tanto podemos dicir do mariñeiro, do cacique, do cego, do crego, do emigrante ou do vello que pide esmola”.
Os dous deixaron un testamento artístico
Aínda que especialmente coñecidos polos xornais A Lanterna Mágica ou O António Maria (Bordallo) e a serie Cousas da vida ou o álbum Nós (Castelao), os dous caricaturistas deixarán o que podemos cualificar do seu testamento artístico nalgunhas obras mestras posteriores.
Bordallo, a serie zoomórfica que publicou n’A Paródia en 1900: A política: a grande porca; As finanças: o grande cão; A economia: a galinha choca; A retórica parlamentar: o grande papagaio; e A reacção: a grande toupa. Podemos considerala como a síntese satírica da visión política de toda unha vida.
Castelao, os tres álbums sobre a Guerra Civil: Galicia mártir (1937). Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938). Os dous primeiros mostran, con gran crudeza, a represión exercida polo bando nacional. O terceiro rende homenaxe aos combatentes que defenderon a República. Son, en total, trinta e unha obras que foron expostos na Unión Soviética, nos EEUU e en Cuba, pois serviron como propaganda política da República.
Os dous colaboraron na prensa de Madrid
Tanto Bordallo Pinheiro como Castelao colaboraron na prensa de Madrid, ata nun mesmo periódico, La Ilustración Española y Americana, claro que un moitos anos antes que o outro.
Bordallo debuxou para El Mundo Cómico (1873), La Ilustración Española y Americana, La Ilustración de Madrid e El Bazar. O seu internacionalización non se circunscribiu só a España, senón que chegou tamén a Francia (L’Unives Illustré) e Inglaterra, onde colaborou en The Illustrated London Almanacy e The Illustrated London News. Para este último periódico cubriu como reporteiro gráfico (ilustrador) a III Guerra Carlista en 1873, para o que viaxou a España canda o redactor William Ingram. Bordallo chegou a declinar o convite de ser ilustrador residente da revista.
Castelao colaborou no diario El Sol –o xornal de meirande prestixio e tirada na España da época– desde febreiro de 1918 ata xuño de 1922. Igual que Bordallo con The Illustrated London News, rexeitou o traballo fixo na redacción que lle ofreceron. No diario madrileño coincidiu co catalán Bagaría, que lle consideraba o mellor debuxante español da época. En El Sol colaborarían tamén os galegos Maside, Cebreiro e Torres, na sección Los maestros de la historieta, mesmo con viñetas en lingua galega. Outras publicacións madrileñas nas que colaborou Castelao foron El Liberal (1912), El Gran Bufón (1913), El Parlamentario (1914), La Ilustración Española y Americana (1915) e La Esfera (1918).
Por primeira vez os humoristas galegos eran reclamados pola prensa de Madrid. Despois da Guerra Civil, a partir dos anos 50, tamén colaborarán nela Julio Cebrián e Alfonso Abelenda (Don José, La Codorniz, El Alcázar no caso de Cebrián), mais estaban radicados en Madrid, e máis tarde, desde finais dos 60, Quesada (La Codorniz, Arriba, Pueblo) e Xaquín Marín (Hemano Lobo, La Codorniz), estes últimos sen deixar de vivir en Galicia.
Os dous emigraron
Os dous viviron a experiencia da emigración, aínda que dun xeito moi diferente: mentres que no caso de Bordallo foi temporal e escollida (pasou catro anos no Brasil traballando na prensa despois do éxito acadado en Portugal con A Lanterna Mágica), a de Castelao na Arxentina –onde xa vivira cos seus pais durante a súa infancia– foi forzosa e indefinida por mor da Guerra Civil e da ditadura en España.
Tras o éxito conseguido con A Lanterna Mágica, o debuxante portugués foi convidado a viaxar ao Brasil para traballar n’O Mosquito, de Río de Xaneiro. A finais de 1878, a redacción d’O Besouro, o xornal fundado por Bordallo Pinheiro no Brasil tras o peche abrupto d’O Mosquito, foi asaltada polo populacho, pago para o efecto e protexido pola policía. O propio caricaturista sufriu, ademais, dous atentados de sicarios enviados por inimigos que foran vítimas do seu humor. Bordallo resolveu pechar a publicación e volver a Portugal en marzo de 1879.
Castelao pasou parte da súa infancia e adolescencia na Arxentina. Aos nove anos marchou alá coa súa nai para se reuniren co pai, que emigrara antes só. A familia viviu na Pampa, onde Castelao descubriu o humor gráfico a través de Caras e Caretas, a publicación na que traballaba o lucense Xosé María Cao. Na Arxentina pasaría cinco anos (1895-1900), antes de volver a Galicia para estudaro bacharelato e Medicina en Santiago de Compostela. Moitos anos despois, en 1938, por mor da Guerra Civil e da ditadura de Franco, tivo que partir para o exilio, primeiro nos EEUU e Cuba, e logo, a partir de 1940, na Arxentina (Bos Aires), onde viviu ata a súa morte en 1950.
Os dous tiveron relación co teatro
O teatro foi a primeira vocación de Bordallo Pinheiro, que con catorce anos traballara xa como decorador de sala, escenógrafo e actor no Teatro Garrett de Lisboa, antes de se inscribir na Escola Dramática do Conservatorio da capital portuguesa, que abandonaría. En 1873 e 1874 realizou senllas series de litografías con caricaturas dos principais actores portugueses da época (João Anastácio Rosa, João Rosa, Francisco Taborda, António Pedro, José Carlos dos Santos…). O teatro estará sempre presente nos seus xornais. Así como foi un cronista da sociedade lisboeta, foi tamén un reporteiro da vida do Teatro de São Carlos, destacando as estreas, comentando as vicisitudes empresariais, caricaturizando os grandes ídolos que por aí pasaron ou usando as grandes óperas para parodiar a política nacional.
Castelao foi un revolucionario do teatro galego: ao comezo do seu exilio, escribiu en Nova York Os vellos non deben namorarse, mais tamén deseñou os escenarios, o vestiario e as máscaras dos actores, ademais de dirixila na súa estrea, en Bos Aires en 1941. Antes, en 1931 fixera, a petición de Ramón María del Valle-Inclán, os decorados e figuríns para a súa obra Divinas Palabras, obtendo un grande éxito en Madrid.