Santiago de Compostela | Cada 7 de febreiro, trala súa declaración institucional no Parlamento de Galicia, a Asociación de Medios en Galego organiza, coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, e neste caso co Concello de Santiago, o Día dos Medios en Galego. Unha celebración que lembra a saída da primeira publicación xornalística realizada integramente en galego, O Tío Marcos d’A Portela, en 1876.
As máis de 30 cabeceiras que formamos a AMEGA e os máis de 140 medios que fan comunicación na nosa lingua en todo o país, celebraron de novo esta data.
O lema deste ano é “Bota a lingua a pacer” Os actos transcorreron o sábado 5 de febreiro cun Roteiro por Santiago de Compostela vinculado coa lingua galega.
O Roteiro “Compostela e a lingua” desenvolveuse o sábado 5 de febreiro, con saída ás 11:30h da Rúa Nova, 34. Durante o roteiro, que estivo acompañado de pasarrúas co cuarteto da Asociación Cultural Pana Raiada, fóronse realizando paradas en lugares simbólicos na loita polo mantemento do idioma.
A primeira foi diante da placa dedicada a Roberto Vidal Bolaño, no Salón Teatro. Alí a compañía de teatro Os Quinquilláns representou unha pequena escena dunha das obras do célebre dramaturgo, conmemorando así o vinte aniversario do seu pasamento.
Despois, o roteiro continuou pola Praza da Universidade, no antigo Restaurante El Asesino, onde o filósofo Antón Baamonde redescubriu a importancia dos faladoiros que había nos locais de hostalería composteláns en tempos de crise.
O escritor Bieito Iglesias foi quen vinculou a relación entre a Universidade de Santiago de Compostela co galego, noutra parada que se realizou na Facultade de Xeografía e Historia. Tamén se fixo unha visita no Colexio de Santo Agostiño, onde a profesora Anxos García Fonte disertou sobre a relación de Rosalía de Castro coa cidade.
Xa na praza de Cervantes, na Zona C, houbo un espectáculo poético-musical da carballesa Rosalía Fernández Rial, despois de que representantes das entidades organizadoras e colaboradoras deran unhas palabras.