Bueu | Máis de sesenta alfombras encherán de cor e arte as rúas da vila de Bueu con motivo da celebración da Festa das Alfombras do Corpus, que será a vindeira fin de semana, e na que as persoas visitantes poderán gozar dos tapices así como dunhas xornadas con música e actividades para a rapazada. Esta festa, que está sendo organizada pola Asociación Cultural das Alfombras de Bueu e o Concello, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a Axencia Galega de Turismo e A Banca, busca poñer en valor a tradición e vinculala coa cultura, para chegar a todas as franxas de idade de poboación. Así o detallou o concelleiro de cultura, Xosé Leal, durante a rolda de prensa celebrada este luns, na que estivo acompañado do alcalde Félix Juncal, da presidenta da Asociación das Alfombras, Carmen Santos, e do músico Roi Casal.
Leal destacou a importancia dunha “das maiores festas que temos na nosa vila, que ademais conta co distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia”, e que buscará achegar a cultura e o lecer a toda a poboación. De aí que os pequenos e pequenas poidan gozar de diversos inchables e xogos tradicionais na Praza Massó o sábado de 17.00 a 21.00, e o domingo, de 11.30 a 13.30 e de 17.00 a 21.00 horas.
En canto á programación cultural, Roi Casal presentará o seu espectáculo “Son galego, son cubano” no exterior do Centro Social do Mar o sábado a partir das dez da noite. A actuación, que contará con músicos galegos e cubanos, é unha homenaxe a Xosé Neira Vilas e a toda a emigración galega ao país da Habana, e poderá disfrutarse de balde grazas ao financiamento da Deputación de Pontevedra, a que, a través do programa Musigal, permite a organización de concertos en lingua galega para todos os concellos pontevedreses. Casal mostrou a súa ledicia por formar parte do programa desta festa que “é unha homenaxe á cor e á diversidade, igual que a música”, e aproveitou para tocar unha peza de Rosalía de Castro, titulada “Ninfa das frescas augas” acompañado dunha arpa céltica.
O programa péchase o domingo, día grande e festivo, no que se se poderán ver as diversas rúas engalanadas con tapices florais elaborados polas diversas asociacións e colectivos. Tamén co obxectivo de achegar esta tradición á rapazada, o sábado a partir das 10 da mañá realizarase unha alfombra infantil que terá como temática a figura d’Os Bolechas.
Así mesmo, esta festa contará con actos relixiosos, sendo un dos máis destacados a misa solemne e procesión, que se celebrará o domingo ás 18.00 h no patio interior do Colexio Virxe Milagrosa, cantada pola Coral Polifónica de Bueu. Ao remate sairá a procesión en dirección a Pazos Fontenla, continuando por Eduardo Vincenti, Montero Ríos e volta de novo a Pazos Fontenla e Virxe Milagrosa. E o peche será a cargo da orquestra Marbella, que actuará na noite do domingo na carpa das Lagoas.
Carmen Santos, presidenta do colectivo das alfombras, salientou durante a rolda de prensa que “o que veremos o próximo domingo é froito do traballo de todo un ano”, idea que tamén apuntou o rexedor da vila, Félix Juncal, quen mostrou a satisfacción porque “Bueu goza dunha longa primavera cultural, expresada na multitude de eventos que se están impulsando a través de proxectos ilusionantes que agardamos continuar na futuro”.
Horarios dos cortes das rúas
O domingo é o día grande desta festa declarada de Interese Turístico de Galicia. Por iso, a Policía Local deseñou un plan de actuación para a ordenación do tráfico rodado. Desde o sábado algunhas rúas xa estarán cortadas, caso do tramo de Montero Ríos desde Rosalía de Castro a Francisco Escáneo (a partir das 9 da mañá), Pazos Fontenla desde Francisco Escáneo a Alexandre Bóveda (a partir das 15 horas), tr Eduardo Vincenti desde Montero Ríos a Pazos Fontenla (a partir das seis da tarde), e por último, ás 20 horas, permanecerán pechados os tramos de Montero Ríos que vai dende Eduardo Vincenti ata Rosalía de Castro, e Pazos Fontenla desde Eduardo Vincenti a Alexandre Bóveda.
As alfombras florais, protagonistas da vila
A Asociación das Alfombras de Bueu, mediante a colaboración co Concello de Bueu Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, leva desenvolvendo unha importante labor a prol da recuperación da tradición floral da vila morracense. Por iso, dende a súa creación no 2015, organizaron diversas xornadas específicas que inclúen conferencias, exposicións e galas de homenaxe aos alfombristas máis veteráns. Este ano as devanditas xornadas tiveron lugar a finais de abril e comezos de maio, e trouxeron a persoeiros como Rafael Sánchez Bargiela, Director Xerente do Plan Xacobeo, Vicenta Pallarés, Presidenta da Comisión Xestora Internacional de Arte Efémero, Mariña Arbor, filóloga especialista no Pergamiño Vindel, ademais de dedicarse unha charla ao pintor local Otero Baena e a homenaxe aos colectivos de alfombristas veteráns.
Seguindo con esta importante labor, tamén organizan obradoiros para os máis pequenos/as nos centros de ensino e para os maiores dos centros de día da vila. Así mesmo, membros da entidade teñen participado en encontros internacionais en Malta ou San Valentino Torio, entre outros, levando a arte característica desta vila polo mundo adiante.
A historia do Corpus e das alfombras florais en Bueu
No municipio de Bueu, a celebración da festa do Corpus remóntase ao século XVII. A partir da documentación máis antiga atopada na parroquia –libros da Confraría do Santísimo Sacramento dende 1740- dedúcese que xa existía con anterioridade.
Durante todo este tempo, a procesión que se realiza despois da misa evolucionou moito, tanto no seu percorrido como nos elementos empregados na mesma. Nun principio, o Santísimo limitábase á igrexa, onde había rodas de adoración por parte dos fregueses. Despois, esta ampliouse cunha procesión arredor do adro da igrexa, e con posterioridade, ás zonas próximas.
Con todo, e malia a súa antigüidade, o auxe desta tradición podería situarse entre as décadas de 1940 e 1950, unha vez que se asfalta o camiño de Ramón Bares. Unha das costumes que máis lembran os veciños e veciñas da vila son as tradicionais carrozas que desfilaban na procesión e que se preparaban na antiga carpintaría da fábrica Massó, que deixou de realizarse a comezos dos 70 co peche da conserveira.
No ano 2015 nace a Asociación das Alfombras do Corpus de Bueu, colectivo que logrou revitalizar a tradición das alfombras na vila, cambiando algunhas cuestións para que o percorrido fose máis céntrico e visual, e que atraese a máis visitantes.
Hai que salientar que o Corpus de Bueu foi declarada Festa de Interese Local no ano 2002 e o pasado ano, Festa de Interese Turístico Galego pola Axencia Galega de Turismo.