Bueu | O Concello de Bueu fixo entrega dos seus premios máis recoñecidos, os Premios Johán Carballeira, que se dividiron en dous actos. Pola mañá, foi a quenda do premio na categoría de xornalismo, que recalou por primeira vez en dúas mulleres, María Obelleiro pola reportaxe “O apartheid sanitario na Galiza” e Monse Dopico polo traballo “Galaxia vs Galaxia. A construción da hexemonía cultural”. O acto inseriuse no marco da charla sobre o tratamento das mulleres nos medios de comunicación, impartida por Llerena Perozo coa participación das dúas premiadas.
Nesta charla, que se celebrou ao mediodía na Sala Domínguez Búa, a editora e feminista encargouse de facer un percorrido pola situación de infrarrepresentación que viven as mulleres en todos os ámbitos da vida, pero máis concretamente no xornalismo. Perozo falou de conceptos como o “teito de cristal”, e sobre como a maior parte dos postos directivos están ocupados por homes, aínda que as mulleres sexan maioría nesta profesión.
Medio cento de persoas asistentes puideron coñecer as opinións das dúas premiadas, nun acto no que tamén estiveron presentes o alcalde, Félix Juncal, e os concelleiros/as do goberno municipal Silvia Carballo, Fidel Castro, Teresa López e Ana Isabel Otero, ademais de Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos Johán Carballeira, que colaboran neste certame que homenaxea a figura de Carballeira.
A continuación, o alcalde da vila fixo entrega dunha réplica do monumento de Johán Carballeira ás premiadas quen, na voz de María Obelleiro, agradeceron “este premio, que nos fai moita ilusión por ser o Concello de Bueu dos primeiros que apostan por estes certames”, destacando ademais “o impulso de políticas por e para as persoas, cunha incesante actividade cultural”.
Da súa banda, o alcalde salientou o “compromiso do goberno local coas políticas de fomento da igualdade, no só nas datas do 25 N e 8 M, senón en todos os sectores da vida pública”.
VI Festival Poético e entrega do Premio Johán Carballeira de Poesía
Pola tarde celebrouse no Centro Social do Mar o VI Festival Poético, no que se inseriu a entrega do Premio Johán Carballeira de Poesía, que este ano chega xa á súa vixésima edición, e que recalou no poemario Galicia en bus de María Reimóndez.
O acto estivo presentado por Manuel A. Mosteiro, e contou coa participación dos poetas Daniel Costas e Xosé María Álvarez Cáccamo. Ademais, Pura Tejelo, gañadora da edición anterior, fixo unha lectura dalgúns poemas d’ A elegancia do século, explicando aos presentes que se trata dun canto aos pequenos heroes da vida diaria e que representa unha cidade, que pode ser ou xa non ser.
María Reimóndez, recoñecida novelista e tradutora feminista, tamén deleitou ao público cun pequeno petisco dos seus poemas, que reproducen a observación da vida e do cotián, á maneira dunha viaxe en bus.
Na entrega do galardón, Félix Juncal, alcalde de Bueu, destacou a “importancia de que esta vixésima edición coincida co oitenta cabodano do fusilamento de Carballeira, que foi e será o facho que nos siga alumeando”. Juncal, quen estivo acompañado polo concelleiro e deputado de cultura Xosé Leal, lembrou tamén a incesante actividade que se celebrou en Bueu co gallo das Letras Galegas.
O broche de ouro desta “festa da poesía” púxoo o cuarteto Staccato, conformado por compoñentes da Banda de Música Artística e Xuvenil de Bueu.