Bueu organiza un coloquio sobre o tratamento da muller nos medios de comunicación

O acto celebrarase o vindeiro domingo, 21 de maio, ás 12 horas na sala Domínguez Búa, e inclúe unha charla - debate a cargo de Llerena Perozo e a entrega do XIV Premio Johán Carballeira de Xornalismo

muller

Bueu | A concellaría de normalización lingüística de Bueu, dirixida por Silvia Carballo, organiza unha charla sobre a muller e o seu tratamento nos medios de comunicación. Coincidindo coa entrega do XII Premio Johán Carballeira de Xornalismo, a editora e feminista Llerena Perozo debaterá o domingo 21 de maio, ás 12.00 horas, sobre o tratamento machista que moitas veces se dá nos medios de comunicación e que inflúen negativamente na imaxe outorgada ás mulleres. A idea nace como unha iniciativa pioneira que pretende dar a coñecer o mundo do xornalismo desde unha perspectiva de muller, coincidindo co feito de que este ano as gañadoras do XIV Premio Johán Carballeira na categoría de xornalismo sexan dúas mulleres, María Obelleiro e Montse Dopico.

O acto, que se insire na programación das Letras Galegas, celebrarase na Sala Domínguez Búa, onde tamén se preparará unha exposición con recortes de prensa arredor do tema en cuestión, e fomentarase o coloquio co público asistente. O xermolo destas charlas sobre xornalismo naceu o pasado ano, cando diversos profesionais debateron arredor do papel do xornalismo en galego, co obxectivo de darlle maior difusión ao acto de entrega do certame de xornalismo que se organiza dende o 2002 na vila bueuesa.

Llerena Perozo Porteiro ten desempeñado traballos no mundo da tradución, no teatro, o audiovisual e o protocolo, ata atopar na edición a súa devoción, sendo desde 2014 a responsable de produción en Versátil Servizos Editoriais. Feminista activa, traballa desde o ano 2001 na formación das mulleres para falar en público, estudando o seu papel na comunicación pública dende entón. Ao longo destes dezaseis anos impartiu obradoiros por todo o territorio galego, desde a Casa das Mulleres de Vigo ata A Mariña luguesa, pasando en múltiples ocasións pola libraría de mulleres Lila de Lilith, de Santiago.

Acto de entrega do XX Premio Johán Carballeira de Poesía

Pola súa banda, o acto de entrega do XX Premio Johán Carballeira de Poesía será probablemente ese mesmo día pola tarde, nun formato aínda por ultimar. A gañadora da presente edición é María Reimóndez, co poemario “Galicia en bus”.