Burela | A iniciativa educativa Modelo Burela, en funcionamento continuado desde 2003, continúa traballando en favor da cohesión social. Desta vez o foco de atención será a celebración dos 45 anos da presenza da comunidade cabo-verdiana nesta localidade pesqueira do Cantábrico galego.
O próximo 14 de marzo un centenar de persoas reuniranse no Instituto Perdouro para facer unha lectura continuada do Chiquinho, obra narrativa dun autor cabo-verdiano (Baltasar Lopes) editada en 1947 e que relata o período de formación e maduración académica dun rapaz nacido no segundo decenio do pasado século XX.
Desde as 10:00 da mañá, o momento da inauguración en que participan a Agregada Cultural da Embaixada de Cabo Verde en España, Odete Alves, xunto con representantes do Concello de Burela e da comisión organizadora, a lectura estará en marcha durante oito horas e finalizará ás 6 da tarde con outro acto institucional protagonizado por diversas autoridades de Galiza e Cabo Verde.
Desde o comezo ao fin da xornada o protagonismo estará centrado na poboación escolar. Os estudantes do 6º curso da escola Fondo-Nois, os participantes de menor idade, estarán acompañados por colegas de ESO, Bacharelato e ciclos de Formación Profesional; e tamén por membros das súas familias, por referentes culturais como Paco Macías (de Edicións Positivas), Séchu Sende (escritor), Rocío Rivera (Asoc. Cultural Ledicia) e por profesorado das universidades de Cabo Verde e de Santiago de Compostela.
Segundo Vanesa Vila Verde, portavoz da organización: “Não é por acaso que teñamos decidido organizar este encontro coa lectura do Chiquinho: en Burela existe unha comunidade cabo-verdiana moi numerosa. Consideramos que este tipo de encontros constitíuen unha ferramenta necesaria para a aproximación entre culturas”.
Inscrición aberta mesmo a participar “a distancia”
Como a participación presencial non é posíbel en moitos casos, a organización do encontro abriu a posibilidade da participación “online”, conectando por videoconferência ou enviando un vídeo gravado. Desta maneira, durante oito horas Burela estará en comunicación directa co Atlántico africano e con diferentes puntos da Península Ibérica.
Incorporación ao sistema educativo
Con motivo da visita a Burela en 2017 do Presidente da República de Cabo Verde, varios participantes da intervención educativa Modelo Burela reuníronse con José Carlos Fonseca para solicitar colaboración en materia de formación académica.
Como resultado dese diálogo, a biblioteca do Instituto Perdouro conta na actualidade cunha sección dedicada aos libros de temática cabo-verdiana; docentes do ensino primario e secundario recibiron un curso de lingua e literatura de Cabo Verde, impartido polo profesor Antonio Firmino; a sala de exposicións do Auditorio Municipal mantivo aberta unha exposición de pintura da mesma temática; e, por primeira vez, unha escritora de Cabo Verde (Amalia Faustino) visitou oficialmente a localidade, onde ofreceu recitais, participou na docencia e mantivo interesentes coloquios abertos ao público xeral.
Todas estas medidas inclusivas compleméntanse coa oferta educativa do programa de cualificación en linguas estranxeiras (CUALE), en funcionamento desde setembro de 2021, que abriu as portas a que estudantado inmigrante participe en formación regrada en horario extraescolar e que consiga titulacións B1 e B2.
A pesar de que os avances conseguidos nos últimos anos melloraron as espectativas educativas do alumnado desta comunidade que leva case medio século asentada en Burela, a maior parte dos estudantes concéntranse nos dous primeiros cursos de ESO e nas “saídas laterais”: os grupos de Formación Profesional Básica ou os ciclos formativos de grao medio. Por iso se fan tan necesarias inciativas de sensibilización pública das comunidades educativas e do conxunto da sociedade.