Tui | A Eurocidade Tui-Valença prepárase para vivir unha tarde máxica de Reis coa tradicional Cabalgata Internacional, que terá lugar o próximo domingo, 5 de xaneiro. As súas Maxestades, Melchor, Gaspar e Baltasar, teñen previsto chegar ás 16:30 h á estación de tren de Valença. Dende alí, iniciarán un percorrido de 3,5 quilómetros acompañados por unha ampla comitiva de máis de 200 persoas ata o Paseo da Corredoira en Tui.
Esta é a única cabalgata internacional entre dous países e volverá encher de ilusión ás miles de persoas que se achegarán a presenciar o paso dos Reis Magos polas rúas de Valença e Tui. Un dos momentos máis destacados será o cruzamento pola emblemática Ponte Internacional.
Melchor, Gaspar e Baltasar viaxarán en tres impresionantes carrozas, seguidos dunha colorida comitiva que incluirá música a cargo da Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro e das charangas Cantos e A Tu Ritmo. Tamén estarán presentes as carrozas das asociacións Arume de Malvas, Aloia de Pazos de Reis e Xuntanza de Randufe, que levarán maxia e alegría a este percorrido, durante o cal se repartirán máis de 1.500 quilos de caramelos sen glute.
Ao final do percorrido, os Reis Magos recibirán a todos os nenos e nenas que desexen saudalos no novo espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela. Como novidade, este ano ofrecerán unha recepción previa no mesmo lugar o domingo pola mañá, de 10:30 a 12:30 h.
Ademais, Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán ás persoas maiores das residencias e centros de día de Tui e Valença. O venres 3 de xaneiro, a partir das 10:45 h, achegaranse á Residencia Paz e Ben, ao Centro de Día Amoralia e á Residencia San Telmo. Pola tarde, desde as 16:00 h, estarán en Valença, na IPSS da Cruz Vermelha, na Santa Casa da Misericordia e no Centro de Día. A Cabalgata Internacional de Reis, organizada pola Eurocidade Tui-Valença, conta coa colaboración da Garda Nacional Republicana, a A.H. Bombeiros Voluntarios de Valença, Protección Civil de Valença e de Tui, Policía Local de Tui, o Grupo Scout Alhoia e a Radio Municipal de Tui.
Antonio Palacios na carroza de Reis no Porriño
A maxia da Cabalgata de Reis de Porriño este ano estará impregnada de historia, arte e homenaxe grazas a unha espectacular carroza doada por Metro de Madrid e a Comunidade de Madrid. Esta singular achega rende tributo ao célebre arquitecto porriñés Antonio Palacios, artífice das primeiras estacións do emblemático transporte madrileño e cuxo 150 aniversario de nacemento se celebra o vindeiro domingo 8 de xaneiro.
A carroza, unha obra mestra de 12 metros de longo, 2,60 de ancho e catro de alto, foi deseñada e construída polo recoñecido mestre fallero Vicente Martínez, con máis de dúas décadas de experiencia nas prestixiosas Fallas de Valencia. A montaxe non só destaca polo seu impoñente tamaño e a súa detallada estética, senón tamén polo seu profundo simbolismo, ao unir O Porriño e Madrid a través da figura de Antonio Palacios.
A carroza é só unha das moitas iniciativas enmarcadas no Ano Palacios, un programa de actividades que celebra tanto o 150 aniversario do nacemento do arquitecto como o centenario dunha das súas obras máis emblemáticas, a Casa Consistorial do Porriño. Un ano de celebración que busca poñer en valor a vida e obra dun dos veciños máis ilustres da vila, cuxa influencia transcendeu fronteiras.
Vanessa Ucha, concelleira de Turismo do Porriño, destacou a importancia desta colaboración. “Estamos fondamente agradecidos a Metro de Madrid e á Comunidade de Madrid por esta doazón, que simboliza os lazos que unen ambas as dúas cidades a través da figura de Antonio Palacios”, apuntou a edil, “Ademais, o traballo conxunto que estamos a levar a cabo para dar a coñecer o seu legado reforza o recoñecemento que merece tanto no Porriño como en Madrid”.
Pola súa banda, Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño, subliñou a relevancia desta iniciativa no marco do Ano Palacios incidindo en que “é unha honra para O Porriño poder render homenaxe a Antonio Palacios cunha cabalgata tan especial. Este ano de actividades é unha oportunidade única para reivindicar a figura dun xenio cuxa obra deixou unha pegada imborrable tanto aquí, na súa vila natal, como en Madrid. É fundamental que as novas xeracións coñezan a súa historia e o seu legado”.
A colaboración entre Porriño e Madrid non se limita á doazón da carroza. Ao longo deste ano, ambas as localidades traballaron en iniciativas conxuntas para destacar o impacto de Palacios na arquitectura e na cultura. Palacios non só deseñou estacións como as de Gran Vía e Chamberí, senón que tamén contribuíu a definir a identidade visual e funcional de Madrid no século XX.
“A presenza desta carroza na Cabalgata de Reis simboliza ese nexo cultural, mentres que o seu deseño, inspirado nas primeiras estacións de Metro e en elementos arquitectónicos propios de Palacios, será un atractivo tanto para os veciños como para os visitantes”, concluíu o rexedor convidando a todo o mundo a achegarse ao Porriño o vindeiro 5 de xaneiro e disfrutar do evento.