Santiago de Compostela/PSdeG | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo que compareza no Parlamento para explicar o que denominou “complicidade” de Feijóo coa vacinación irregular da conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, delegada para España dun“imperio xeriátrico no que faleceron máis de 2.500 persoas” a causa de contaxios por COVID.
Gonzalo Caballero sinala que “a credibilidade de Feijóo está tocada”. Nese sentido, tamén quixo deixar claro que o dereito a ser vacinado “non vén dado pola capacidade adquisitiva” de cada quen. Así, engadiu que o propio estado do benestar é o que vela pola “igualdade de todos”. “E por iso hai que ser moi contundentes fronte ás irregularidades no proceso de vacinación”, quixo remarcar o secretario xeral do PSdeG.
Caballero considerou tanto a vacinación da delegada de DomusVi como a da alcaldesa “popular” de Boimorto, como unha “falta de ética”. Por iso instou ao presidente da Xunta e líder dos populares que “rexeite” publicamente estes dous feitos, ademais de botar luz sobre as “irregularidades” da vacinación de 200 persoas en Pontevedra.
“Non se poden usar os mecanismos do poder para vacinarse cando aínda non está inmunizado o persoal sanitario e de servizos sociais que traballan na primeira liña contra o coronavirus”, enfatizou Gonzalo Caballero. Ademais, tamén chamou a reforzar os equipos dedicados á vacinación, así como o sistema sanitario en xeral, para vencer a terceira onda da covid.
Consciente da saturación das UCI e do seu persoal, o responsable do PSdeG incidiu en que “a Xunta ten que actuar fortalecendo a sanidade pública” dando resposta ás necesidades asistenciais e atendendo tamén “á chamada de auxilio” que están facendo os sanitarios.
Información deliberadamente confusa
Pola súa parte, o voceiro de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, criticou que o goberno galego estea ofrecendo deliberadamente “información confusa”. Julio Torrado cre que o goberno galego “tentar agochar a gravidade da situación” tanto no que atinxe á saturación dos hospitais e, nomeadamente, das UCI ademais do relativo aos procesos de vacinación.
Torrado avisou ao goberno da Xunta que “a nosa lealdade co goberno galego para xestionar a pandemia non é complicidade ante as falacias”. Aínda máis, cualificou de “mentira” a afirmación de Feijóo sobre a ocupación dase UCI que sería do 30%, cando están “practicamente cheas”. O voceiro de Sanidade sinalou que, nalgúns casos, están traballando nelas incluso profesionais non específicos desta área.
Torrado insiste ao gobenro galego que aumente as contratacións para facer fronte aos procesos de vacinación. Sobre todo, como sinalou, logo da “barrabasada” dita por Feijóo de que garantía a vacinación total de Galicia en “oito ou dez semanas”.
“Co persoal que temos, non existe posibilidade material de facelo”, asegurou o parlamentario socialista. Segundo o cálculo ofrecido por Torrado, é inviable inmunizar a 38.500 persoas ao día con 200 enfermeiras e enfermeiros. “Serían 192 persoas ao día cada enfermeiro ou enfermeira para un proceso que leva dez minutos: farían falla 32 horas no día”, resumiu.
O goberno “progresista” que rebaixa as peaxes
O secretario xeral do PSdeG tamén recordou que o Congreso aprobou a toma en consideración da proposición de lei para a transferencia da AP-9 a Galicia. Isto, despois dos “vetos” a debater esta normativa durante a etapa de Mariano Rajoy á fronte do goberno de España.
Gonzalo Caballero quixo poñer en valor as bonificacións das peaxes por 63 millóns de euros que o executivo presidido por Pedro Sánchez introduciu nos Orzamentos Xerais do Estado. Unha postura contraria á decisión do goberno Aznar de prorrogar a concesión da AP-9 ata 2048.
“O goberno progresista está dando saltos cualitativos na rebaixa das peaxes e na transferencia da autoestrada”, destacou Caballero, quen apelou a “un gran acordo de todas as forzas” para que “se manteñan” esas bonificacións ata o fin da concesión.
Logo de lembrar que a rebaixa das peaxes será efectiva no primeiro semestre, “en xuño ou, se pode ser, en maio ou abril”, recordou que outras comunidades aprobaron bonificacións en autoestradas de titularidade estatal. Ante isto, Caballero preguntou “A Xunta está disposta a contribuír tamén?”.