Vigo | O alcalde recordou que a Xunta de Galicia reducira hai anos a poboación de referencia da área sanitaria viguesa, desviándoa a Santiago, nas especialidades de Cirurxía Cardíaca, Cardioloxía, Oncoloxía Radioterápica, Cirurxía Torácica, Neurocirurxía Pediátrica, Cirurxía Plástica e Cirurxía Pediátrica.
Daquela esta redución fóra anunciada como provisional polo goberno de Núñez Feijóo, que “non só en catro anos non rectificaron senón que agora volven prexudicar a Vigo levándose as probas de medicina nuclear dunha zona enteira da área sanitaria de Vigo a Santiago. Por que?”, cuestionouse Abel Caballero.
O rexedor recordou que unha menor poboación de referencia implica un menor orzamento, fundamentalmente para a formación dos profesionais e expertos nas distintas especialidades. Ademais do trastorno para os doentes -que terán que desprazarse máis lonxe para chegar a Santiago-, esta decisión da Xunta de Galicia prexudica a Vigo, que verá diminuídos os seus recursos económicos para formación de especialistas cualificados.
“Outra vez estamos na Xunta de Galicia desviando poboación sanitaria para ser atendida de Vigo a Santiago, e o orzamento correspondente”, lamentou Caballero, quen concluíu que a medida do goberno de Núñez Feijóo “é o mundo ao revés: en lugar de levar os recursos onde están os cidadáns, levan os cidadáns onde están os recursos”.