Lalín/PSdeG | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe unha explotación láctea en Lalín xunto ao voceiro socialista do municipio, Román Santalla, para avaliar as problemáticas do rural e do sector gandeiro.
“Necesitamos aproveitar os fondos europeos Next Generation tamén para a cohesión territorial e a loita contra o despoboamento na Galicia rural”, sinalou o líder dos socialistas galegos, quen asegurou que estes fondos poden facilitar a modernización, a sostibilidade e competitividade do sector gandeiro, que afronta retos como a robotización, a dixitalización e a ecoinnovación, vinculadas á cadea de valor e á mellora de tantas explotacións gandeiras.
“É necesario apostar pola produción de leite, polos produtos ecolóxicos e pola xeración de valor engadido nos derivados lácteos”, explicou.
Nesta liña, incidiu na necesidade de “buscar sinerxías” entre o sector gandeiro e as administracións para “poñer en mans dos gandeiros cartos cos que poder modernizar as súas explotacións e, polo tanto, que sexan máis competitivas e podan resistir”.
Prezo do leite
No que atinxe ao prezo do leite, o líder dos socialistas galegos pediu ao goberno galego que tome “todas as medidas” para evitar o problema “estrutural” que supón que Galicia siga “á cola de España e de Europa nos prezos en orixe do leite”, o que supón “un lastre para as posibilidades da nosa xente e do noso medio rural”. “Non se pode consentir que se venda leite por debaixo dos custes de produción”, subliñou.
Ademais, o secretario xeral do PSdeG criticou a falla de acción da Xunta no rural: “Fan un discurso de promover concentracións parcelarias, pero quédanse en palabras sen accións”, xa que existen “proxectos de concentración parcelaria que levan décadas en espera de ser desenvolvidas”. Desta situación, sinalou, hai varios exemplos claros na bisbarra de Lalín. Isto, asegurou, supón “un suspenso por parte da Xunta” á hora de favorecer que os produtores conten con terra para traballar.
Por último, Caballero instou ao goberno da Xunta a traballar conxuntamente co Ministerio de Agricultura para conseguir que “os fondos da PAC cheguen ás mans dos agricultores e gandeiros”, xa que “deben estar a disposición dos produtores e do sector”.
“Gran acordo de país”
Así as cousas, o responsable socialista instou á Xunta a “pasar das palabras aos feitos” e chegar a “un gran acordo de país para defender ao medio rural e aos sectores económicos primarios, pois estes son fundamentais para a actividade do noso territorio”.
Román Santalla
Pola súa banda, o voceiro socialista de Lalín, Román Santalla amosou a súa preocupación polos “problemas de concentración parcelaria na súa comarca”, que “xa son estruturais”. Así, lamentou que “cando a Xunta fala de mobilizar terras, xa non nos cremos nada”.
Ademais, Santalla criticou os prezos do leite porque Galicia “segue liderando os prezos máis baixos de todo o territorio español e tamén da Unión Europea”, o que supón que as ganderías galegas “están entrando nunha fase de perda de rendas”.
O lobo
“Son ecoloxista, pero iso é plenamente compatible con protexer á nosa xente e aos gandeiros”, aseverou o secretario xeral dos socialistas galegos logo de ser preguntado polo posicionamento do PSdeG con respecto ao lobo.
Nesta liña, Caballero subliñou a importancia de “buscar equilibrios para defender ao sector gandeiro e para dar a protección necesaria para evitar a extinción dunha especie como o lobo”. Así, sinalou, “hai que buscar un mecanismo de cooperación” e “consenso no sector” para unha adecuada xestión que permita “protexer aos gandeiros ante as ameazas que hai na contorna” e tamén “protexer a especie”.
Ao fío disto, criticou unha xestión “inexistente” por parte da Xunta de Galicia con respecto ao lobo e instou ao goberno galego a “poñer fondos” para poder “compensar” aos gandeiros dos danos que poidan sufrir. Así, lembrou que a posición do PSdeG é defender a biodiversidade e as especies, pero á vez “ser conscientes da Galicia na que vivimos”.