Cada vez é máis doado mentir, mentirnos, mentir a historia.

Chégase á conclusión de que cada vez é mais doado mentir. É doado e resulta sempre moi barato pois rende beneficios. Quizais habitamos xa na mentira e, nela, vivimos ben, anque descaradamente. Cada vez é máis aceptada socialmente a trola, a falsidade, o embuste, a fraude e a impostura, as trapalladas e as vaidades obtusas. Sae gratis e dá réditos. Son tempos nos que derivou a difamación daquela xente mentireira que se fixo de ouro, co poder -en calquera das súas formas. Semellamos crer que para chegar ao éxito necesariamente temos que falsear, subornar a realidade, adulterar, enganar e finxir. E se son moitos a mentir, que sucede moitas veces, máis semella ser verdade.

Aínda sabendo todos que aquilo que se afirma non é certo. Ata tal punto chegamos empregar a falsidade -a sabenzas- para acceder a moitas situacións da vida, un posto de traballo, para chupar máis cámara, para saír máis nas fotos, para acadar un ascenso e ter un “estatus social” admirable, cheo de solvencias, para acceder a un premio, etc. Pero tamén confirma que estamos nadando augas dun naufraxio certo. Nos tempos que corren son máis as persoas que asenten dalgún xeito coa mentira, corifeos dese pauto co demo no poder -en definitiva o poder da mentira, xente afiliada que desde ese descaro patrocina ou alenta unha total e absoluta farsa. Súmanse e aceptan que se minta diante dos demais, propagando o embuste, sen mediar sequera calquera advertencia que poña unha dúbida no aire.

As mentiras agrándanse e van collendo presenza, son bólas de neve que a medida que avanzan acadan maior corpo e suman adeptos, estupefacientes que adormecen a realidade en estados de latencia, súmannos ao vicio e desvirtúan todo chegando a atropelar a realidade, a falsear calquera certeza. Chegou o momento de conformarse, de aceptar resignadamente o que sabemos é unha alburgada inaceptable, unha falta de rigor, de confianza. O peor, ben sabemos, aínda está por vir. É máis doado subverter a realidade que recoñecer a responsabilidade e darse á desculpa antes de seguir agrandando a pelota. Con este exemplo tan descarado de farol aprenderán futuras xeracións e daranse conta da fosa na que as metemos, podendo aceptar e agrandar a bóla das mentiras -como semella ser- ou rebelarse contra toda esta pantomima na que estamos inmersos, que derivará nun caos cada vez maior. Choverán arrepentimentos. Claro está, a mentira dá máis beneficios e é doada de aceptar no contubernio, chega con gardar un disimulado silencio e, logo, deixarse ir, tirar para adiante no disimulo.

“As mentiras agrándanse e van collendo presenza, son bólas de neve que a medida que avanzan acadan maior corpo e suman adeptos”

Conta con moita xente disposta a esa escenificación. A mentira irá abrindo camiños e collendo adeptos de todo tipo. Nestes tempos vende crea fantasías, virtualidades proxectadas en grandes espectáculos de horizontes impensados nos que calquera fraude se fai realidade e é aceptada, sen ser sequera acadar unha sospeita. Son moitos os que menten e cando van xuntos, aínda así, fan corpo. Falan con descaro, como se levasen razón. Repítense moitas veces insistindo na mensaxe falsa, arremuíñan fotos trucadas, textos inventados, análises técnicas, informes científicos e toda unha serie de enquisas e números que adornan moi ben a condición na que navegan. Son un grupo enorme de mentireiros e mentireiras. Pensan que coa súa insistente mentira, obstinada, repetida tantas veces, a impostura se fará verdade. E iso non é certo, confío que nunca sexa, porque non quixera vivir esa desorde, esa confusión globalizada que se espalla coma virus maligno e vén no vicio de crer con ollos cegos e arraiga en enfermizas formas de comportamento social.

Todos aceptamos o que sucede en Palestina. O silencio é suficiente para que sigamos na pantomima mentres morren milleiros de persoas inocentes, mentres se conculcan dereitos de “humanidade” desde as inhumanas formas do erro consentido, no retorto ámbito do silencio, no imposible aceno de aceptar que non podemos estar a todo, facéndonos colaboradores da trampa que a todas luces é falsa. Chega con mirar os tratos inhumanos que se lle deparan, desde gobernos moi democráticos, como o noso, aos inmigrados, tras-terradas, transferidos, exiliadas e perdidos. Que pouca memoria temos! Hai pouco, e aínda hoxe somos nós os que buscabamos abeiro, traballo e pan. E alá, nas distancias onde aínda moita da nosa xente habita, déronnos acubillo. Pero non é reversible o caso! Quizais a mentira semente esquecementos.

Ou quizais sexa ao revés, o esquecemento semente mentiras. Chegar aquí é un naufraxio e non pode traer mais que infinitas sombras, moita vergoña pola ruindade que amparamos, pola herdade nesa mesma depravación que concede o dereito de pernada aos descendentes dos que ousaron o poder, nesta adulteración e sucedáneos, na especulación, na corrupción xeneralizada, nos fondos voitre, na difusión dos medios na entrega podre das mentira, na falta de sensibilidade para querer mellorar a vida. Mentres, andamos a soñar a transparencia que non existe, e que intercedería para mellorar o mundo e reconfortarnos, repoñernos. Despois a Historia nunca se contará como foi nin como debera ser contada.

Mestre e músico.