Cafés Lisboa foi homenaxeado en Xantar polos 300.000 cafés servidos de balde en 25 anos

O cociñeiro Carlos Parra retirase logo da súa vida profesional

Ourense | Xantar 2024 pechou a 25ª edición poñendo fin a catro días de intensa actividade, traballo e confraternización nos que 90 expositores de cinco países deron a coñecer os seus recursos turísticos e gastronómicos e no que tamén foron presentados produtos innovadores que, tal e como explicou o director de Xantar, Rogelio Martínez, no acto de clausura “están creados na maioría dos casos por pequenos produtores, algo que nos satisfai porque así demostramos que o medio rural ten presente e moito futuro”.

Conclúe así unha edición especial do vixésimo quinto aniversario na que a organización deu un paso máis cara á profesionalización de Xantar cun programa con máis de 140 actividades repartidas en 2 aulas gastronómicas e 1 aula de cata que estiveron completas desde o primeiro día ata o último e que contaron cun total de máis de 6.000 participantes activos.

Rogelio Martínez explicou que “Xantar é xa moito máis que un lugar onde comer ou cear con menús completos e de calidade. É un punto de encontro profesional e persoal, un lugar ao que vir descubrir, aprender, compartir, participar, gozar e probar o que os expositores e as actividades teñen para ofrecer”. En total, o salón rexistrou 17.000 visitas durante os catro días de celebración do salón.

A clausura presidiuna o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, que fixo fincapé no papel da dieta galega na lonxevidade dos habitantes de Ourense, provincia que busca converterse nunhas as poucas áreas do Mundo denominadas “Zona Azul” polo seu alto cociente de habitantes que superan os 100 anos.

A organización agradeceu a colaboración de empresas como “Cafés Lisboa” que leva desde 1999 ofrecendo cafés gratuítos a todos os visitantes de Xantar e que calcula que nestes 25 anos serviron máis de 300.000 cafés. Doutra banda, desde o INORDE renderon unha homenaxe ao chef Carlos Parra que leva 25 anos participando como cociñeiro en Xantar nos restaurantes do salón e que anunciou a súa retirada definitiva.

Expourense concluiu hoxe Xantar. Esta mesma semana retomarase xa a vacinación contra a gripe nas instalacións do recinto. A actividade feiral retómase xa a fin de semana do 8 ao 10 de novembro coa celebración da 8ª edición de Antiq Auria, Feira Internacional de Antigüidades e xa as dúas fin de semana seguintes de novembro acollerá unha nova edición do Salón do Automóbil (Vehículo Novo, 15 ao 17 de novembro e Vehículo de Ocasión, do 22 ao 24 de novembro)