Tui | A Eurocidade Tui-Valença edita un ano máis o seu calendario ilustrado con diferentes lugares das dúas cidades pintados polo artista portugués Antonio Nunes.
Baixo o lema ‘A Eurocidade Tui-Valença non se sente, vívese!’ recóllense os principais monumentos e lugares emblemáticos das cidades para este calendario do 2023.
Así, e ao longo dos doce meses do ano, pódese facer un percorrido pola Praça da República e o Edificio dos Paços, a capela de San Teotonio, o Monte do Faro e a Capela de Santa Ana, o Largo de Santa María dos Anjos, a Fortaleza e a igrexa de Santo Estevao, e a Estación ferroviaria de Valença e pola a vella Ponte Internacional, a capela de San Telmo, o centro de Interpretación do Parque Natural do Monte Aloia, o Paseo da Corredoira de Tui, a Igrexa de San Domingos e unha vista da Catedral e o centro histórico de Tui.
Edítanse 400 exemplares que dende o luns, 2 de xaneiro e até fin de existencias, distribuiranse exclusivamente na Biblioteca Municipal de Tui a cambio dun quilo de alimentos non perecedoiros por exemplar. Agradécese principalmente a entrega de conservas de froitas, legumes ou peixe, leite ou cacao, entre outros.