Salceda de Caselas | A Praza do Concello acolleu esta mañá a presentación da XXVII Festa dos Callos que se celebrará esta fin de semana en Salceda de Caselas. A Alcaldesa, Loli Castiñeira, que afronta por vez primeira esta festa como rexedora, estivo acompañada do seu Concelleiro de Cultura Alex Rodríguez, do Presidente do grupo Señorío de Rubiós Antonio Méndez e dos representantes do grupo Coren Fernando Córdoba e Alejandro Alonso, que un ano máis será o encargado de dirixir a preparación dos callos na mesma Praza do Concello. Precisamente Alejandro confirmou que se prepararán 20.000 racións de callos, para as cales se empregarán 1800 kg de ventre de vacuno, 900 kg de carne de pata de tenreira, 2.100 kg de garbanzo remollado, 425 kg de lacón e 350 kg de chourizo galego, co seu sofrito correspondente, que sumarán un total de máis de 5.000 quilos de producto. A preparación dos callos empezará sobre a 1:30 para sobre as 7:30 facer a mestura do sofrito coas carnes e ter o producto preparado ás 8:30 para empezar a despachar sobre as 9:30. Fernando Córdoba, director da unidade de negocio do grupo de Coren definía a Alejandro como un claro referente de esforzo, traballo, compromiso, dedicación e sobre todo cercanía coa cultura galega.
A ración de callos para degustar na propia festa, incluíndo o viño, o pan, o prato e a taza conmemorativas, terá un prezo de 8 €, podendo tamén levar os callos “en tarteira” a 6 € a ración. Ademais, por terceiro ano, na festa serviranse tamén callos sen gluten para que as persoas celíacas non deixen de disfrutar do evento.
Os callos estarán acompañados por un tinto Sousón de Señorío de Rubiós. O Presidente do grupo agradeceu á corporación por darlles a oportunidade de presentar nesta exquisita festa o seu tinto da uva máis abundante de Rubiós, a variedade Sousón. Os tintos de Rubiós sempre foron famosos polo “retinto” que é a variedade Sousón, constituíndo un 90% da uva producida en Rubiós. Contarán ademáis con un stand que venderá outros viños da adega. Antonio destacou a importancia das festas locais para axudar a promocionar os tintos, que non sempre resultan doados de vender.
O showman Paco Lodeiro será o encargado de dar o pregón da festa o domingo ás 12 do mediodía, pregoeiro que volverá subirse ao escenario ás 21:00 horas para participar como vocalista na recuperada Orquestra Sur. Esta é solo unha pequena mostra do amplo abano de propostas culturais e de ocio que acompañarán os callos durante toda a fin de semana.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, agradeceu o traballo inmenso do Concelleiro de Cultura Alex Rodríguez para sacar a festa adiante, así como o traballo e as ganas do equipo de goberno, recén chegado. A alcaldesa definiu a Salceda como a capital dos callos “por constancia, por traballo e porque as diferentes persoas que lles tocou nas edicións anteriores traballaron arreo”, falando dunha festa que foi medrando no eido turístico, con milleiros de persoas ao longo de toda a fin de semana e cunha Salceda que estará o máis fermosa posible para acoller a todas esas persoas.
Serán ademais os primeiros “callos en igualdade” dentro da campaña “Agresión off” con actividades toda a xornada e establecendo a igualdade como un dos eixos fundamentais neste mandato, en palabras da propia alcaldesa, que quixo tamén realizar un agradecemento especial ás máis de 40 persoas voluntarias, protección civil e traballadores/as do Concello que a pesar de ser pouca xente botan unha man para que a festa saia adiante e sen cuxo esforzo sería moi difícil para un Concello pequeno como Salceda sacar adiante unha festa destas dimensións.