Tui | Do 29 de abril ao 10 de maio, o Concello de Tui terá aberto o prazo de inscrición para participar no Campamento de Verán “Igual é +” Tui 2024, que se celebrará en catro quendas, nos meses de xullo e agosto.
Este campamento vai destinado aos nenos/as e mozos/as de Tui con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos (idades cumpridas antes do inicio de cada quenda). O Campamento de Verán “Igual é + Tui 2024” ten por obxectivos, por unha banda ofrecer unha alternativa lúdica-deportiva-educativa aos nenos e nenas, e por outra facilitar aos pais, nais ou titores e titoras, unha opción de conciliación da vida familiar e laboral.
O Campamento incorpora nas actividades a realizar a perspectiva de xénero para fomentar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, nos nenos e nenas participantes, en aras a acadar unha igualdade real e efectiva na sociedade do futuro.
A primeira quenda será do 1 ao 15 de xullo, a segunda do 16 ao 31 de xullo, a terceira do 1 ao 16 de agosto e a cuarta, do 19 ao 30 de agosto. O horario do campamento será de 09.00 a 14.00 horas, con opción de aula matinal dende as 07.45 horas e aula de sobremesa ata as 15.15 horas. O prezo será o mesmo que nos anos anteriores, 30,56€ por participante e quenda.
As inscricións poderán facerse nas datas previstas, a través da sede electrónica do Concello de Tui o de forma presencial no rexistro do Concello de Tui, de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas.
Toda a documentación poderá descargarse da páxina web do Concello de Tui, www.tui.gal o recollela na secretaría do Concello de Tui.