Campaña de escavación en 2021 dos campamentos guerrilleiros de Casaio en Ourense

Financiado polo Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática
Imaxén do congreso fundacional da “Federación de Guerrillas de León-Galicia”.

Ourense | A equipa de Sputnik Labrego volverá aos montes de Casaio o próximo ano na que será a derradeira campaña de escavación nos campamentos da guerrilla antifranquista coñecidos como Ciudad de la Selva. Esta campaña contará, ademais, cunha subvención concedida polo Ministerio de Presidencia, Relaciones con las Cortes y Memoria Democrática para proxectos de recuperación de Memoria Democrática.

“Esta subvención non só é unha gran axuda para realizar a que esperamos sexa a derradeira campaña de escavación sobre os campamentos da guerrilla antifranquista, senón tamén un recoñecemento da súa importancia dentro da recuperación da memoria histórica”, dinnos Carlos Tejerizo, director do proxecto.

Dende o ano 2017, esta equipa de investigación está a documentar este conxunto de campamentos que a Federación de Guerrillas de León-Galiza estableceu nos montes de Casaio como base de operacións para a loita antifranquista. Así, polo de momento atopáronse ata 20 campamentos distribuídos por estes montes, e puideron escavar ata cinco das estruturas utilizadas pola agrupación guerrilleira, deixando ao descuberto o que pode ser a paisaxe guerrilleira máis completa de toda Europa occidental.

Paralelamente, parte destas estruturas e paisaxes puxéronse en valor, grazas á colaboración da Comunidade de Montes de Casaio e Lardeira, envorcada no proxecto. “Recuperar a memoria implica tamén deixar unha testemuña e unha narrativa para as futuras xeracións. Trátase dunha historia traumática pero que, grazas á achega da comunidade de Casaio, cremos que pode servir tamén como un bálsamo que peche feridas aínda abertas”, afirma Alejandro Rodríguez, codirector das intervencións.

Como parte destas testemuñas, un dos obxectivos para este ano é gravar unha película documental que recolla toda a historia dos campamentos guerrilleiros. Esta película, producida pola cooperativa audiovisual metropolis.coop, é un ambicioso proxecto que espera ser distribuída e exhibida a niveis nacional e internacional.

Para o seu financiamento, contarase con distintas subvencións públicas así como dunha campaña de crowdfunding que se iniciará o próximo 21 de decembro na plataforma goteo.org. “O obxectivo desta campaña é dobre”, dinos Miguel Riaño, director do futuro documental, “dunha banda, trátase de obter recursos para facer un produto de calidade que poña en valor esta historia nas escalas nacional e internacional.

Por outra banda, a propia campaña de financiamento é un medio extraordinario para divulgar esta historia, e poñer os montes de Casaio no foco mundial”. Á campaña, que terá unha duración de 40 días, poderá aportar calquera persoa que estea interesada na memoria histórica e na historia da guerrilla antifranquista, e contará ademais con diversas recompensas que inclúe copias da película, seminarios por parte dos especialistas ou invitacións ao estreo da película en Casaio, prevista para a primavera de 2022.