Tui | O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o CRA Mestre Clara Torres, onde puido comprobar o traballo que está a realizar a Asociación Mulleres en Igualdade de Tui grazas á axuda outorgada pola Xunta.
En concreto, esta asociación empregou os máis de 5.000 euros investidos polo goberno autonómico na edición de dous libros que están a ser repartidos polos centros escolares da contorna e cos que pretenden sensibilizar ao alumnado en cuestións de xénero. As historias, adaptadas ás idades e ás necesidades dos nenos e nenas fomentan valores como a igualdade, a independencia e o compañeirismo.
Reguera quixo agradecer persoalmente o traballo das voluntarias desta asociación que “traballan desinteresadamente para que os nosos mozos poidan vivir nun mundo mellor, máis libre e igualitario”.
O delegado territorial tamén tivo a oportunidade de participar entregar algúns dos exemplares aos nenos e nenas do CRA Mestra Clara Torres. A achega da Xunta permite ademais á asociación continuar coas súas labores de difusión e concienciación a través das redes sociais co proxecto “Redes de Igualdade” que partilla as experiencias de mulleres galegas célebres e fomenta o autocoidado.