Mos | Eu Rural súmase á campaña ‘O rural contra a violencia de xénero’ coordinada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural co gallo do Día Mundial da eliminación da violencia contra a muller o vindeiro 25 de novembro. Farao cunha andaina para todos os públicos o vindeiro 13 de novembro, cun percorrido de 5 quilómetros de dificultade baixa con saída ás 10.30 horas dende o Pazo de Mos. A ruta rematará no mesmo pazo coa actuación musical de Meigas Fóra, da Asociación cultural Tangaraño, e con degustación de empanadas.
Eu Rural conta para esta actividade cun deseño propio do territorio cunha imaxe fortemente vinculada a todos os municipios que o integran. Dende Eu Rural quérese agradecer o traballo e a implicación ao Concello de Mos e ao Pazo de Mos, sempre dispostos a colaborar co grupo de desenvolvemento.
AGADER encargarase de coordinar aos 24 grupos de desenvolvemento rural que participan nesta campaña, que conta coa colaboración da Consellería do Medio Rural, da Secretaría Xeral de Igualdade e da Axencia de Turismo de Galicia e que se inscribe no acordo da Xunta para implementar as medidas propostas polo Pacto de Estado en materia de violencia de xénero.
O acto central da campaña será unha andaina popular que implicará a miles de persoas do rural para que o mesmo día á mesma hora camiñen dende 24 puntos distintos do territorio para reclamar o fin a violencia machista e defender a igualdade.
Ademais, a través deste acto reivindicativo e simbólico, a Xunta de Galicia tamén quere poñer en valor as diferentes rutas de peregrinación do Camiño de Santiago, con motivo do Xacobeo 21-22.
Décimo sétima edición das Xornadas Micolóxicas
Este 8 de novembro ás 20.30 horas celebrouse o acto de presentación da XVII Edición das Xornadas Micolóxicas e Forestais do Concello de Mos que tivo lugar no Bar Miro Pereira, en Petelos.
A presentación contou coa asistencia do concelleiro de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, da experta micóloga Puri Lorenzo, Ramón Muíños como representante da Comunidade de Montes de Mos; e representantes dos cinco restaurantes mosenses participantes nas Xornadas Micolóxicas 2021 que ofreceron unha degustación dos pratos que van a servir na Gran Degustación de Cogomelos que se celebrará no contorno do Pazo de Mos o domingo 21 de novembro de 12.00 a 15.00 horas
Ditos pratos son por parte de Adega da Tía Carmen croquetas de setas con castañas e empanada de trigo con setas e castañas, por parte do anfitrión, Miro Pereira, polo en crema de setas, por parte do Bar Restaurante Curuxeira fajitas recheas de setas e polo e tortilla de xamón e setas, por parte da Casiña da Tía Albina, filloas de champiñóns con gambas e filloas de champiñóns con gulas; e por parte da Tapería A Cova da Santa, pizza mar e monte: salmón afumado con variado de setas.
As Xornadas son posibles grazas á colaboración de Concello e Comunidade de Montes de Mos, que as organizan conxuntamente, a participación e implicación dos hosteleiros; e subvención da Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.
A Gran Degustación do domingo 21 de novembro no contorno do Pazo de Mos estará complementada co V micomercado (mercado micolóxico). A xornada gastronómica prolongarase dende as 12.00 horas ata as 15.00 horas.
De 11.00 horas a 14.00 horas e de 17.00 horas a 20.00 horas estará aberta ao público no Pazo de Mos unha exposición e consulta sobre cogomelos. E ás 12.30 horas haberá unha actuación do Grupo Acordeireta. Xa pola tarde, ás 18.00 horas, actuarán Xoan Curiel e Charo Pita co espectáculo “Canta miña pedra, canta”.
Como cada ano nas Xornadas Micolóxicas de Mos, e tras o parón do ano pasado por mor da crise sanitaria da COVID-19, regresan as charlas e conferencias didácticas sobre micoloxía. Serán todas ás 20.30 horas no Pazo de Mos.
O luns 15 de novembro Xosé Braulio Mondragón Abuín falará sobre ‘As 10 herbas máis importantes do bosque’. O martes 16 de novembro Fernando Gerino Ferreirós Soutiño, dará a conferencia titulada ‘Froitos, diversidade é riqueza’.
O mércores 17 Marisa Castro, Investigadora en Micoloxía no Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo, ofrecerá a ponencia ‘Intoxicacións por cogomelos’. O xoves 18 Puri Lorenzo, Bióloga especialista en Micoloxía do Grupo Micolóxico Galego Luis Freire, falará sobre ‘Cogomelos nos ecosistemas galegos’. E o venres 19 de novembro José Luis Tomé, da Federación Galega de Micoloxía, ofrecerá a charla ‘Cociñando cogomelos’.
Por último o sábado 20 de novembro de 10.00 horas a 13.30 horas realizarase a tradicional saída para a recollida e identificación de cogomelos guiada por monitores especializados.
Para participar é necesaria inscrición previa no Pazo de Mos durante os días que se imparten as charlas sobre micoloxía. As prazas dispoñibles son limitadas.