Pontevedra | A campaña da promoción turística da provincia ‘É o teu momento’ da Deputación de Pontevedra, presentada o pasado xoves en FITUR, arrasou no seu paso polas redes sociais e medios electrónicos. O éxito de audiencia na contorna dixital supuxo que en só 24 horas acumulou un alcance de máis de 600.000 persoas e un total de 2 millóns de impactos.
Ademais, os cancelos #ÉOTeuMomento e #EsTuMomento sumaron só en Twitter durante a xornada na Feira Internacional do Turismo un millón e medio de impactos. De feito, esta rede social centrou o 70% de toda a conversa xerada pola campaña en Internet.
Desde o momento no que se deron a coñecer os primeiros detalles desta segunda fase promocional, o pasado 13 de maio, a campaña xa chegou a máis dun millón de usuarias e usuarios con 3 millóns de impactos. Estes datos de alcance, moi positivos, véñense a sumar ás cifras extraordinarias acadadas na primeira fase da campaña, baixo o lema ‘Momentos Rías Baixas’, na que se xeraron máis de 3,3 millóns de impactos e preto de 2500 participacións nos sorteos organizados. Polo tanto, coa suma global do impacto das 2 fases, ata o momento, xa son máis de 6 millóns de impactos acadados pola nova campaña de promoción turística do destino Pontevedra Provincia – Rías Baixas.
“Estes datos de alcance, moi positivos, véñense a sumar ás cifras extraordinarias acadadas na primeira fase da campaña, baixo o lema ‘Momentos Rías Baixas’, na que se xeraron máis de 3,3 millóns de impactos e preto de 2500 participacións nos sorteos organizados”
A retransmisión en directo desde Fitur da presentación de ‘É O Teu Momento’ acumulou durante as primeiras 24 horas máis de 1200 reproducións nas redes sociais e a páxina web da Deputación de Pontevedra.
Ademais o vídeo central da campaña, protagonizado pola cantante Wöyza e guionizado pola poeta Lúa Mosquetera, acadou 5000 reproducións nas distintas canles da Deputación e Turismo Rías Baixas tanto en Facebook, Twitter, Instagram como YouTube.
A ela súmanse os centos de visualizacións que acadaron as outras pezas presentadas en FITUR: a actuación de Wöyza coa sesión lixeira de ‘Libre’, a conversa de Carmela Silva con representantes do sector turístico e o resumo dos sorteos #momentosRíasBaixas.