Salvaterra de Miño | Coa chegada da Semana Santa nos centros escolares moitas familias atópanse con grandes dificultades para conciliar a vida laboral e familiar. É por iso que o Concello de Salvaterra de Miño, como ven facendo durante xa varios anos, realiza dentro do seu programa de conciliación o Campus de Pascua.
Dirixido a nenas e nenos nados entre os anos 2012 e 2020 cun máximo de 40 prazas, levarase a cabo durante os días 25, 26 e 27 de marzo e 1 de abril nas instalacións do CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón.
O horario será de 09:00 a 14:00 horas coa posibilidade de aula matinal cun mínimo de 10 neno/as en horario de 07.30 a 9.00h. O prezo do campus é de 10 euros e 6 euros para a aula madruga. As solicitudes formalizaranse entre o 6 e ata o 11 de marzo ou ata esgotar prazas a través de sede electrónica (un rexistro por cada neno ou nena) ou ben por rexistro de entrada no Concello en horario de 09:00 a 14:00 horas.
Actividades do 8M
O Concello de Salvaterra de Miño continúa apostando e traballando en prol da igualdade entre mulleres e homes, polo que con motivo deste día, realizaranse unha serie de accións enmarcadas na subvención do Pacto de Estado contra a violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade.
Dun lado e dende a Concellería de Igualdade, a fin de conmemorar ese día, encargouse a realización dun vídeo onde se lles dará voz a mulleres deste Concello e exporán os seus testemuños. A estrea e presentación do vídeo terá lugar o vindeiro venres 8 de marzo ás 21:30 horas, na Casa de Cultura de Salvaterra de Miño, nun acto que estará así mesmo acompañado pola música do salvaterrense Manuel Madarnás.
Por outro lado e dentro dos actos que se lanzarán en torno a este mes de marzo tamén, contaremos ao igual que en edicións anteriores cun novo curso de Defensa Persoal gratuíto para mulleres, no que se poderán anotar durante todo ese mes de marzo e ata esgotar prazas. Nos vindeiros días sinalaranse as datas en que se desenvolverá este curso así como as vías para poder realizar a inscrición.