O Covelo | Máis de vinte nenas e nenos comezaron hoxe o Campus Multideporte do Concello de Covelo. O alcalde Pablo Castillo e a concelleira de Emprego e Formación, Lourdes Enes, saudaron hoxe aos nenos e nenas que ao longo desta semana participarán nunha nova edición do Campus Multideporte.
Cada mañá de 10 a 14 horas xogarán e aprenderán distintas modalidades deportivas da man das monitoras e monitores de Insdega, empresa especializada na xestión de instalacións deportiva.
Con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, o alumnado practicará skate, baloncesto, tenis, padel e fútbol sala ademais de xogos, roteiros e actividades nas distintas instalacións deportivas municipais
O alcalde Pablo Castillo explica que o Campus Multideporte ofrécese co único custo do pago dunhas taxas municipais, 10€ para empadroados e 20 para as persoas non empradoadas, co obxectivo de facilitar a conciliación familiar e laboral e promover hábitos saúdables entre a infancia.
Pola súa banda, o xerente de Insdega, sinala que durante o Campus ademais de ter a oportunidade de probar distintos deportes tamén fomentan valores de traballo en equipo, coñecementos técnicos básicos e distintas actividades que espertan a curiosidade do alumnado participante. As nenas e nenos do Campus Multideporte de Covelo recibiron hoxe un agasallo da man do alcalde e da concelleira que, ademais, lle desexaron uns días de lecer e ledicia no entorno natural das instalacións municipais das que poderán gozar ao longo desta semana.
Clases de ximnasia
O Concello de Covelo informa que está aberto o prazo para inscribirse nas clases de ximnasia de mantemento e ximnasia na auga que se desenvolverán no mes de xullo.
Os luns, mércores e venres de 9 a 14 horas a piscina municipal acollerá estes dous cursos nos que nos poderemos inscribir nas oficinas do Concello de 9 a 14 horas ou nos formularios que podemos atopar aquí
As persoas empadroadas terán preferencia nestes cursos que o Concello de Covelo oferta de xeito totalmente gratuíto para fomentar o deporte, adquirir novas habilidades, mellorar a saúde e promover hábitos de vida saudables.