Días pasados o Ateneo Amado Garra de Ponteareas, presidido por Roberto Mera, acordou facerme unha homenaxe.
Para os que non asistiron ao acto e polo tanto non puideron escoitar o “meu discurso”, vou tentar resumilo neste editorial para que perdure no tempo. Se a homenaxe era polos 40 anos largos do nacemento do xornal A PENEIRA é lóxico que dalgún xeito eu agradeza o xesto.
Como xa dixen no acto, A PENEIRA non foi unha obra dunha persoa. A PENEIRA naceu dun acordo entre un grupo de persoas que naquel momento entendían que Ponteareas e a Comarca do Condado Paradanta (que logo serían dúas comarcas por obra e gracia de César Mera que quería disputarlle o Poder a Pepe Castro) non aparecía reflexada como debera nos medios que por estes lares estaban nos mostradores das cafeterías: Faro de Vigo e La Voz de Galicia, aínda que con moita menos difusión; non informaban do que realmente pasaba: o Poder Municipal nas mans de alcaldes que viñan dos tempos escuros e que, polo tanto, tiñan pouco ou ningún interese en que os cidadáns foran informados debidamente do que realmente ocorría.
“A PENEIRA non foi unha obra dunha persoa. A PENEIRA naceu dun acordo entre un grupo de persoas que naquel momento entendían que Ponteareas e a Comarca do Condado Paradanta (…) non aparecía reflexada como debera nos medios”
Víñamos de aprobar unha Constitución que devolvía aos veciños unha serie de poderes democráticos pero que por estes pagos non eran ben recibidos. É neste caldo de cultivo antidemocrático como nace A PENEIRA.
Que a min se me encargue de poñela en marcha, pola miña relación cos medios (era correspondente de Faro de Vigo neses momentos) non foi máis que unha casualidade. Podería ser igualmente outra persoa que sintonizara con aquel grupo de homes e mulleres que entendían había que facer algo. Víñamos dunha longa noite de pedra, aquí diríamos de escurantismo e arrogancia política, e era preciso un cambio. Obviamente, ese cambio non podía facelo unha soa persoa. Fomos moitos os que de maneira orquestrada realizamos ese labor de desbroce precisa para ir abrindo camiños.
Como dixen na miña participación no acto de homenaxe, A PENEIRA fixo o que fixo, chegou a onde chegou, pola concertación de ducias, centos de homes e mulleres que dende distintos estamentos e lugares de orixe estiveron sempre dispostos a respostar ás nosas solicitudes de colaboración. Escritores, humoristas, anunciantes, sen os que sería imposible poder sufragar o que significa poñer un xornal na rúa. A PENEIRA non tivo pais putativos, foi filla dunha familia social que coincidía nunha cousa fundamental: había que romper con aquel silencio informativo que se vivía por estes lares.
Se o fixemos mellor e menos malo serán os lectores os que o digan. O que si podo asegurar é que a familia de A PENEIRA era e segue sendo moi extensa, moi diversa e moi comprometida cunha Galiza ceibe de poderes alleos, cunha Galicia que poida vivir e desenvolver todo o seu poderío industrial, agrícola e de pensamento. Cun País que non teña que emigrar para dar de comer aos seus fillos. Para que ningunha nova Rosalía teña que cantar aquilo de “Galicia sen homes quedas que te queiran traballar”. Que todos e todas poidamos traballar aquí e realizar os nosos soños de futuro en liberdade e democracia.
“O que si podo asegurar é que a familia de A PENEIRA era e segue sendo moi extensa, moi diversa e moi comprometida cunha Galiza ceibe de poderes alleos”
Isto é o que A PENEIRA defendeu dende o numero 0. Isto é o que segue defendendo na medida das súas posibilidades. A miña profunda gratitude a todas as persoas que estiveron presentes na homenaxe e a as que mandaron os seus saúdos por calquera medio dos habituais. Grazas a todos e a todas.