Deitado na Praia de Blanco, cavilo, mirando o rebulir das polas dos abeneiros, son as almas dos defuntos que se perderon nas augas, aquelas almiñas orfas que non teñen quen pregue por elas, e o Asneiro, pai de todas, érgueas ao ceo, dándollas a beber aos abeneiros.
Mentres, énchese o Pozo Negro de bolboretas e cabaliños do demo, hai un balbordo, unha festa, as cores das margaridas entre o verde fachendoso e o cantar harmonioso dos xílgaros, testemuñas e parte do escenario, a vida estoupa en cores, a felicidade agroma de seu, e naquela enchente tamén estou eu, arrolado polo pasar do río.
Nada soa tan ben coma o pasar do Asneiro, sinto cada saltiño que dá a auga; coñezo as pequeniñas correntes que divide o brizo ao bicar nas raíces das árbores; e sei cando se deita lanzado cara adiante, coñezo o meu río, tamén, cando se estreita antes do descanso para cruzar a Ponte de Lamas, alí, folga agardando polas augas do Muíño de Entre Rios camiño do pasteiro onde volve remansar para durmirse no Pozo de Blanco, antes, ao cruzala Ponte, recolle as augas do outro Muíño, que coma as mozas baixan cantando da muiñada pícaras e lagarteiras cantigas que o din todo sen contar nada.
“Nada soa tan ben coma o pasar do Asneiro, sinto cada saltiño que dá a auga”
As troitas tamén descansan tomando a raeira, dende a pena, se te achegas con coidadiño, podes velas abrindo e pechando as branquias e movéndose ao ritmo das augas, danzantes e coros, crías pequeniñas e outras máis grandes compoñen o ballet sempre distinto, sempre parecido, porque a auga decorre sempre parecida pero nunca do mesmo xeito, procurando a igualdade e non a uniformidade.
Deitado, tamén me lembro daqueles tempos de estudante en Lalín, e venme ao maxín unha pensión nunha rúa cunha cociña de leña, era un arrecendo a caldo e a agarimo, era tan de todos que alí ninguén era alleo.
Nunha casiña das de antes, nesas rúas de Lalín que non lles aprendes o nome porque non fai falla, “despois do bar A Barra subindo cara a Lalín de Arriba xa a atopas, non hai outra, perda non tés!” Cando o mundo era sinxelo e os nomes prescindíbeis, cando ser amigo era iso, non un saco de comenencias, cando a patroa era outra nai e ti respectabas os anos e os traballos que se debuxaban na súa faciana.
Un estudante estreando Instituto con nome de sabio: “Aller Ulloa”, nun pobo pequeno, para un mociño do Asneiro grande dabondo! aquela beca que me arranxaron os da “Xestoría Granja” de Don Andrés Granja García; para todos “Carrasqués”, vello amigo de meu pai dende os tempos da emigración a Venezuela, cantos favores me fixo! Ao eu ter nacionalidade venezolana tiveron que xestionala mediante os fondos da asociación de pais de alumnos, fondos para a roupa que mercaba na tenda de Guerra, os texanos Wrangler, última moda lavados á pedra, o fin de semana lavábaos de verdade ao chegar a Ribas do Asneiro no lavadoiro da Picha; ás veces non secaban e a dona da pensión colgábaos o luns enriba da cociña económica, a pensión pagábaa a asociación, e o agarimo daquela muller agardo que llo pagara Deus, que ben merecido o tiña!
Un mozo moi educado e xentil , presentouse: “son Modesto”. El tamén paraba alí e agasalloume un sorriso, pronto nos fixemos amigos, un irmán maior que me aconsellaba sen impoñer, algún xoves deixaba que o acompañara á Discoteca Campos. Sempre tan elegante, tan fino, tan amable e falaba tan ben! Era o comercial de Tele Seita unha tenda de electrodomésticos das máis importantes do pobo.
Eu pensaba estudar periodismo, cousa pouco doada para o fillo dun labrego, só se podía estudar en Madrid ou Barcelona, aquel ano decidín que se non era periodista ía ser vendedor, non é mala cousa ter un soño de reposto, por se un se namora aos dezasete e decide casarse aos dezanove.
Como non ía namorarme daquela moza! A máis feita de todas, aquelas pernas enfundadas nos pantalóns de pinzas ou nos vaqueiros con zapatos de tacón, aqueles ollos de deusa e aquel xeito de rir! Como non ía namorarme, se ata as rúas suspiraban porque as quixera pisar. Namoreime e namoreina, non sei como a puiden namorar! Como dicía Sabina na canción Pacto de Caballeros: “Solo sé que algunas veces. Cuando menos te lo esperas. El diablo va y se pone de tu parte.” Eu quero pensar que foi Deus o que se puxo da miña!
Pasaron corenta e catro anos, son ben deles a verdade, corenta sen ver a Modesto! Un destes días rematando un traballo na oficina, cansado e a piques de rematar sonou o teléfono preguntando por min. “Andábate buscando, non son policía non te asustes”, e unhas risas. “Son Modesto, o que estivo contigo naquela pensión, acórdaste de min? “. Coma un lóstrego viñéronme á memoria aqueles días e outros moitos. “Lémbrome como se fora onte”, contesteille, “ganas tiña de saber de ti”, e el: “sígote polo internet e quería ter todos os teus libros, mercados e dedicados por suposto”. “Pois dáme a dirección e mándochos”.
“Pasaron corenta e catro anos, son ben deles a verdade, corenta sen ver a Modesto!”
Despois seguimos recordando algunhas cousas, outras deixámolas para cando, con tempo, xantemos xuntos e nos poñamos ao día das historias atrasadas.
Cando aquela noite, papá, ao carón do lume da lareira falamos de Modesto e de Carrasqués, ti dixeches, “o que ten un amigo sempre será rico”, pois entón son moi rico papá, teño moitos amigos e bos.
Por certo, Bertiña, a dos pantalóns de “pitillo” segue comigo, a pesares de min, xa temos dous netos, son fillos do primoxénito, Avelino (Avelinito) coma nós, pero el e a súa dona, non quixeron seguir a tradición e puxéronlles Nacho e Teo. Inda nos queda o Xan, ti non o coñeciches mentres andabas por aquí, fúcheste antes de que nacera, pero eu fálolle moito de ti e se cadra, el, cando teña un fillo ponlle… Vai ti saber!
Agora vou ir rematando, iso si, dicirche que te deixes de Andrómenas e non te poñas sentimental, que despois mollas o ollo como me está pasando a min!. E vai saber o que pensarán na outra beira de ti!!
Na foto de Berta Dobarro, o río Asneiro decorrendo cara á Ponte de Lamas.