Cando o silencio é cómplice tamén.

A esta altura de convento, é que non cadran as cousas. Por un lado os que suman para poder unidas engadir vontades e por outro as prohibicións de coñecer os secretos e as informacións clasificadas que aínda navegan leis franquistas e que, seica, agora se van adecuar aos modos e maneiras da Otan e de Unión Europea, confiando sexan -non o sabemos- de máis honesta condición e pulcritude. Mais non sabemos, todo isto é unha suposición.

Totalizando e xa para expertos entendedores: que non saberemos nada do sucedido, que todo seguirá sobre secreto de sumario e que non teñen por que render contas dos desatinos que houbera. Así pensan eles evadir o vulto. Todo quedará envolto en mentiras e tortuosas prohibicións, en pantallas de plasma para comparecer mediante escenificacións no aparente, para engano procaz daquelas cousas que pretenden deixar ocultas. Fano con palabras calculadas en rodas de prensa amañadas cos mesmos que reciben a subvención, polo seu silencio, e en preguntas sen resposta.

Lonxe estamos da verdade e da necesaria protección da mesma, da protección ética e moral, da protección que nos ampare de novos erros, aquela medioambiental e social que nos saque da indignación á que nos teñen sometidos desde hai tanto tempo. Xa non é de agora, os políticos veñen sendo uns entregados á deriva e, se consenten desta volta, unha vez máis, merecerán tamén o noso desprezo. Se non conforman ese espazo de contraste e salvagarda dos nosos intereses, evaden responsabilidades e confianzas depositadas nos votos, aquelas de cando prometeron transparencia e honestidade.

“A nosa relación con todo o seu mundo semella unha néboa mesta inhabitable, un campo de minas e exterminio”

A nosa relación con todo o seu mundo semella unha néboa mesta inhabitable, un campo de minas e exterminio. Chega con ver os “postureos” que adoptan e as palabras necias e insultadas que ofrecen, a hipocrisía que asumen constantemente para distanciarse da realidade, dos problemas que nos doen. Hoxe son incendios e seca, guerra de bloques e de submisión, paro en breve e longa distancia, sanidade sen medios e persoal, educación na que todo son improvisacións, a escalada de prezos que nos encarece a vida por riba do que pagan polo noso traballo, as enerxías xenuflexionando diante das grandes fortunas que nos miran sobre o ombreiro, o deterioro climático.

Pesa moito tamén esa teima de cometer inxustiza por non volver na memoria, reparar as feridas aínda abertas daquel xenocidio e dos crimes contra a humanidade cometidos, aínda pendentes de declarar ilegais e pendentes de anular aquelas vixentes sentenzas.

Mais o peor de todo son os efectos secundarios que nos sinalan directamente a nós, resumidos na falta de esperanza, desespero, soidades e illamentos, abandono do rural e a vida en contacto e respecto da terra, a perda de identidade sumidos en mil modos alleantes de anonimato, a crise de poboación sen crianzas nin crecemento á vista. Ben é certo que calquera democracia precisa de actos que visibilicen os dereitos e deberes, a liberdade. Que garden o equilibrio de tres poderes, tan atados hoxe, en igualdade para a totalidade. Non se trata só de buscar o equilibrio de maiorías, senón de equilibrar a pesar delas, evitando discriminen minorías porque senón será un abuso.

Esa intolerancia amosada de palabra e en feitos débese converter en acordos para resolver problemas que a nós, votantes, nos afectan e preocupan. Trátase de atender e combinar todas as peculiaridades exclusivas do noso mundo, de asistir no momento das deficiencias ás que -uns e outros- nos trouxeron.

E desde logo, porque xa esta ben, que se lles vexa ansia de volver pola verdade e o decoro, pola corrección e boas formas, pola garantía dos nosos dereitos a coñecer verdades ocultas que moveron milleiros de restricións, negadas e sen aínda aclarar.

As confidencialidades e apaños que se trouxeron son os esteos do noso porvir, tan debilitado en base á mentira. É necesaria a habilitación da nosa liberdade, abríndose á certeza. O silencio, neste caso, vulnera a liberdade de expresión e débese considerar inxustificada censura, propia dos tempos do “aquel señor pequeniño de voz afrautada” que tanto nos prexudicou e que fixo unha lei de Segredos Oficiais no ano 1968, aínda en vigor, e que agora coa reforma ameaza informacións que poidan dar persoas libres e sensatas, xornalistas e posibles denunciantes e vítimas.

Detrás dese seu silencio ampáranse algúns dos que hoxe gañan eleccións e suman votos. Pero non o ven! Se non se dá conta das causas corruptas -tantas- que houbo en todas as administracións, como se poderán corrixir erros, encarrilar tempos novos e impedir que enchan a boca de mentiras, mesmo para pedir o voto?