Cantamos Nós! Novo proxecto de Ponte…nas Ondas!

Unha posta en valor do patrimonio inmaterial a través da mocidade

Vigo | A Asociación Cultura e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! que vén de cumprir 25 anos de actividade co patrimonio inmaterial común a portugueses e galegos, lanza un novo proxecto: CANTAMOS NÓS!

CANTAMOS NÓS! implica a nenas e nenos de escolas galegas e portuguesas no coñecemento da tradición musical, recreándoa a través de novas instrumentacións e acordes, conseguindo unha posta en valor moderna do patrimonio inmaterial galego-portugués.

Libro CD e documental
Escolas dos concellos da fronteira de Galicia e Portugal están convidadas a participaren na iniciativa CANTAMOS NÓS! que se concretará na edición dun libro CD e un documental protagonizado por alumnado de escolas de primaria e secundaria xunto con persoas portadoras do patrimonio inmaterial que tamén van ofrecer mostras representativas dos seus saberes.

Trátase de que cada escola prepare, coa colaboración de músicos e docentes, unha peza musical tradicional para ser reinterpretada novamente e gravada ao vivo. Ao mesmo tempo, en cada concellos gravarase unha expresión do patrimonio inmaterial do concello para incluír no documental.

Aínda que a pandemia ten alterado os prazos previstos, as escolas xa confirmaron a súa participación e xa están a traballar cos arranxos dos temas musicais que serán interpretados polo alumnado que tamén pode participar con instrumentos. Músicos e artistas galegos e portugueses participarán nas gravacións xunto co alumnado das escolas.

Escolas no Camiño
Ademais, contando coa axuda do Xacobeo 21 e coas escolas que están perdo dalgún dos camiños a Santiago, vanse recoller testemuños sobre o camiño como espazo de diálogo e intercambio.

As gravacións vanse realizar nas escolas e nos concellos por un equipo profesional respectando todas as medidas de seguridade e os protocolos antiCovid.

Co espírito dos Meniños Cantores
En 2005, Ponte… nas Ondas! promoveu e editou o proxecto “Meniños Cantores”, onde participaron 17 escolas entre Vigo e Porto, e que tivo gran éxito, presentándose no seu momento na Casa da Música do Porto e no Auditorio de Vigo cun espectáculo en directo. No web www.meninoscantores.com poden verse algúns dos traballos e tamén un adianto do que será “Cantamos Nós!”.