“Cantareira”, Palabra do Ano 2024

A votación popular decantouse por palabras patrimoniais

A Coruña | A Palabra do Ano 2024 soa a poesía e música, a gana de compartir bos momentos, a voz feminina e colectiva, a lingua propia. Cantareira impúxose na votación popular promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié a través do Portal das Palabras, nunha chamada colectiva a ollar con ilusión cara ao futuro cando está a piques de comezar un novo período de doce meses no Galicia enteira lles ha render homenaxe ás mulleres que ao longo dos séculos mantiveron vivo, transmitiron e arrequeceron o cancioneiro popular e o idioma do país.

A palabra cantareira(s) designa as protagonistas do Día das Letras Galegas 2025, festa que a Real Academia Galega dedicará á poesía popular oral e ás mulleres que cantan e crean cantigas. O anuncio o pasado mes de xullo desta decisión acadou unha enorme repercusión social, seguramente sen precedentes, que amosa o recoñecemento da súa contribución á creación e á conservación dun tesouro patrimonial colectivo, no que poesía e música son dúas partes indisolubles. Mais a acollida desta elección tamén apela ás novas xeracións de intérpretes e creadoras e creadores que beben deste herdo dun pobo que segue a cantar en galego, e que atopa nesta forma de expresión unha maneira contemporánea e vivificadora de proxectar no mundo toda a súa creatividade e potencia cultural, que ten como cerna a lingua galega.

A celebración do vindeiro 17 de maio personificarase nas figuras de Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía) e en tres das cinco Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños), Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar, por seren as que faleceron hai máis dunha década. As tocadoras de Cerceda e Malpica foron parte das 600 persoas informantes do Cancioneiro popular galego publicado nos anos 80 do século pasado pola musicóloga Dorothé Schubarth (1944-2023) e o académico Antón Santamarina, que recolle dende cantos de labor, de Nadal e Reis ou arrolos ata parrafeos, regueifas e romances, todos eles vivos aínda na memoria de mulleres e homes que medraran nunha sociedade tradicional. A investigadora suíza, tras pasar uns meses en Andalucía e o País Valencià, chegou a Galicia en 1978 á procura de melodías arcaicas. O que atopou abraiouna de tal maneira que ficou ata 1986 gravando cantos en aldeas de oitenta e oito concellos, para o que contou co apoio económico fundamental dunha bolsa de Fundación Barrié, entidade que se ocupou ademais da edición da obra.

Voces patrimoniais con usos novos e de sempre
Na primeira acepción do dicionario da RAG, cantareiro, -a define a persoa que sabe cantar ou afeccionada a facelo e ten como sinónimos cantadeiro, -a, cantador, -a e cantaruxeiro, -a. Como adxectivo, esta voz ten unha segunda acepción similar, “que emite un son agradable e melodioso”, pero a Palabra do Ano 2024 refírese á forma substantivada cantareira, que se aplica á muller que canta cantigas populares. O termo créase en todos os casos sobre o verbo cantar, que procede do equivalente latino cantare.

Cantareira, co 25 % dos votos, foi a palabra que obtivo máis apoios das persoas participantes nunha elección na que o público se decantou maioritariamente polas opcións patrimoniais. A segunda opción máis elixida foi meu, miña, outra proposta que remite á oralidade e que apareceu entre as finalistas como alternativa de noso ao anglicismo *bro, apócope de brother (irmán). Este posesivo, no seu uso en vocativos ou exclamacións, acadou arredor do 23 % dos votos, cunha lixeira vantaxe sobre fala, que figurou entre as finalistas na segunda opción que recolle o Dicionario, “lingua natural propia dunha comunidade humana”. Cun resultado moi próximo obtivo a cuarta posición aparvar(se), vocábulo tradicional para se referir á preocupación polos efectos do consumo excesivo de contidos nas redes sociais. En quinto e sexto lugar quedaron dina, substantivo formado a partir do acrónimo da locución depresión illada en niveis altos, e o sintagma nominal emerxencia climática, respectivamente.

Un portal e unha aplicación para xogar coa lingua
O Portal das Palabras é o proxecto da RAG e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da nosa lingua. Cada semana ofrece xogos e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. A palabra do día é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias.

Dende 2014 o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas cibercarracho (2023) comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014). Dentro das iniciativas compartidas para a difusión da lingua, a Real Academia Galega e a Fundación Barrié, ademais do Portal das Palabras ofrecen ao público o Ximnasio Léxico, unha aplicación de xogos do Dicionario, dispoñible para dispositivos Android e iOS.

Tradución ao hindi do poema de Luísa Villalta
A celebración das Letras Galegas 2024 deixa abertas unha morea de xanelas para seguir a asomarse en diante ao universo literario de Luísa Villalta (A Coruña 1957 – 2004). A Real Academia Galega ponlle agora o ramo a este ano que lle dedicou á poeta, dramaturga, ensaísta e narradora abríndolle a porta a unha das maiores comunidades de falantes do mundo.

O profesor da Universidade Nacional Aberta Indira Gandhi da India Vikash Kumar Singh, exalumno dos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, asina a tradución ao hindi de oito poemas de Papagaio na edición que se incorpora ao catálogo de publicacións dixitais de academia.gal, ilustrada cunha selección das fotografías de Maribel Longueira que inspiraron os versos.

“O meu obxectivo principal foi crear unha tradución poética que preserve o espírito, o ton e a voz lírica de Villalta, logrando que os poemas funcionen de maneira independente en hindi, respectando ao mesmo tempo a súa esencia orixinal”, explica Vikash Kumar Singh. “Espero que esta tradución anime os lectores indios a coñecer e valorar a figura literaria de Luísa Villalta, especialmente a aqueles interesados nos estudos literarios indo-hispánicos e na teoría da tradución”, engade.

“Vikash Kumar Singh agasállanos con esta tradución dalgúns dos poemas máis significativos da protagonista do Día das Letras Galegas ao terceiro idioma en número de falantes do mundo. Intúo que Luísa Villalta quedaría fascinada coa nova musicalidade das palabras que escribiu para lles dar voz ás mulleres apartadas ás marxes das marxes”, expresa o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, na presentación do volume, editado co apoio da Xunta de Galicia, e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Temas con eco na poesía feminista india
Luísa Villalta deixou escritas dezanove composicións para as instantáneas que Maribel Longueira realizara sobre o derrubamento do Papagaio, o barrio da prostitución da Coruña. O froito daquela colaboración artística e de denuncia da violencia contras as mulleres, e da especulación urbanística, saíu do prelo tras a morte da escritora, no ano 2006. Este testamento literario ilustra dous trazos esenciais da personalidade creadora da autora: “a súa forte dimensión interartística e a aposta polo compromiso social”, apunta a académica María López Sández no limiar da edición bilingüe Poemas escollidos de Papagaio.

“Reivindicativa, firme e solidaria, a súa ollada deixa patente a violencia machista e o estigma que sofren as mulleres, baixo os cascallos da cidade ferida que asoma nos versos do poemario. A imbricación que se dá neste libro entre as palabras de Villalta e as imaxes de Longueira conforma un produto semiótico total ao que agora vén sumarse a voz de Vikash, a sonoridade do hindi”, conclúe.

Vikash Kumar Singh pon tamén o acento na “aguda crítica ás normas patriarcais que silencian as mulleres e lles negan autonomía” que a escritora plasmou en Papagaio e sinala o interese de achegar a súa ollada ao público indio. “Villalta aborda temas como a opresión, a prostitución, a degradación humana e urbana e a reivindicación da voz feminina. Estes temas atopan eco na poesía feminista india, establecendo paralelismos que enriquecen o diálogo intercultural. A tradución destes poemas ao hindi ofrece aos lectores indios unha perspectiva única e subliña as preocupacións feministas compartidas entre ambas as culturas”, considera.

Canto ao feito da tradución, consciente das diferenzas entre os sistemas lingüísticos do galego e o hindi, a súa intención foi atopar “equivalencias plausibles que respectasen a tradición literaria hindi, os seus rexistros e o seu contexto cultural”. “Un dos maiores retos foi trasladar ao hindi certos termos galegos, a miúdo considerados tabú, como puta, charramangueiro, cona, tetas, maricas. Nestes casos, procurei equivalentes axeitados, tendo en conta a sensibilidade do público potencial en hindi, sen comprometer a intensidade nin o espírito dos poemas orixinais”, comparte.

De Rosalía e Celso Emilio a Luísa Villalta
Vikash Kumar Singh dedícase ao ensino e a investigación na área do hispanismo, foi beneficiario de varias bolsas como investigador visitante en universidades españolas e participou en tres edicións dos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”. A súa tradución ao hindi de parte dos poemas de Papagaio súmase a outras contribucións ao espallamento das letras galegas como a colaboración co proxecto Rosalía é mundial; e a versión en hindi de poemas de Celso Emilio Ferreiro publicados en Yuddh Ke Viruddh / Contra a guerra (unha antoloxía de poemas de todo o mundo) ou de versos de Claudio Rodríguez Fer. Como tradutor tamén publicou a edición bilingüe castelán – hindi do drama incaico Ollantay, publicado pola Sahitya Akademi (Academia das Letras da India).

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.