Según di Interviu, a CUP apoia ás prostitutas en Cataluña, o cal se é certo, paréceme moi ben. Aínda que entendo a quen di que a prostitución humilla ás mulleres en xeral e, desde logo, non hai que alentala, máis ben todo o contrario. Porén coido lembrar que moitos soldados da II República ían a putas e que a República Española organizaba estes “servizos” ás súas tropas; ou que en Cuba tamén hai prostitución, pois a Revolución non acabou con ela. No entanto, penso que o capitalismo e a inxustiza social e internacional que este xenera, agrandan o problema e así vemos como no Estado español a prostitución e o seu consumo alcanza cifras alarmantes. Algúns cidadáns exemplares e con responsabilidades públicas son clientes habituais. Hai clientes que mallan e maltratan ás prostitutas; porén, afortunadamente, non todos son iguais e tamén os hai que denunciaron tramas de trata de persoas nos clubs de alterne. A violencia contra as prostitutas tamén é violencia de xénero e así debe ser tratada. Coido que me metín e me estou metendo nun xardín, pero entre unha feminista da alta burguesía (que igual explota a súa empregada doméstica) e unha prostituta, coido que simpatizo máis coa segunda; pois esta non lle fai mal a ninguén, só a si mesma. A pornografía tamén é moi machista (debería feminizarse bastante máis) e esta é a educación sexual que recibimos e reciben moitos mozos. Cousificar á muller e convertila nun obxecto de consumo non está ben; pero o máis hipócrita é que xeralmente é a vítima a que se sinte culpábel e a que acarrea co estigma social. Os homes buscan sexo e tamén exercer dominio sobre a muller (o que pode ser un xogo inocente, perigoso ou un drama). En moita menor medida pero os homes tamén se prostitúen con outros homes ou con mulleres. E iso non é culpa do patriarcado. E o peor é a estigmatización da parte máis débil neste tipo de relacións. Na sociedade, e non só nestes ambientes, lamentablemente, é moi frecuente pisotearse uns a outr@s como cabichas. Cando a un/unha lle afecta unha cousa intensamente ou está sometido a moita presión con frecuencia deixa de ser obxectivo e pasa a ser apaixonad@, visceral e pouco precis@. A min tenme pasado bastantes veces. Téñenme tamén criticado por antepoñer os animais aos seres humanos, pero é que os animais a min nunca me fixeron ningún mal e algúns seres humanos si. Ademais da cuestión conservacionista en si -que é moi importante- eu gosto dos animais, pero non son sensibleiro cos animais nin os antepoño á especie humana. Trátase de avanzar e de buscar un equilibrio máis xusto e armonioso, tanto nisto como en todo. Acabo de ver na prensa o vestido da Pedroche de fin de ano: a verdade é que é moi sensual e elegante, unha delicia visual. Porén tamén hai mulleres que saben seducir sen poñerse un vestido así e poden resultar incluso máis interesantes… Aínda que a presión do ambiente e das circunstancias sexa moi importante, cada persoa toma as súas propias decisións e apeituga coas consecuencias. O machismo mata e o feminismo non, por iso trato de aportar o meu grao de area. Se unha prostituta ten a autoestima destrozada (e destrózalla a sociedade) non vai saber defenderse, nin vai ser capaz de deixar de exercer a prostitución aínda que o desexe ferventemente. Lembro unha película baseada en feitos reais sobre unha streper norteamericana -de pais esquerdistas que renegaban dela- que liderou unha protesta de strepers coa que acabaron conseguindo certas melloras na súa situación real. A dignidade é importante e hai que loitar por ela, na medida das nosas posibilidades; pero non esquezamos que só con dignidade e coherencia non sempre se consigue vivir. Pásanos a moitos; pero non por iso deixamos de ser persoas e parte da sociedade. As prostitutas tamén o son e os poderes públicos deben escoitalas, atendelas e axudalas. O peor que pode pasar é que algunha coñeza e recoñeza a certas autoridades.