Cadernos da viaxe.
Este 16 de xullo comeza unha nova lexislatura do Parlamento Europeo (PE), sinalado por un certo avance da extrema dereita que, porén, non ten incrementado substancialmente a influencia da primeira ministra italiana, Giorgia Meloni (como semellaba despois das elección do 9 de xuño e da cimeira do G-7), diante do pacto entre o Fidesz húngaro, o RN francés de Marine Le Pen, Chega, Vox e outros elementos extremistas para integrar un novo grupo.
O PE non monopoliza a potestade lexislativa na EU, senón que partilla a mesma co Consello Europeo, que é um órgano interestatal formado polas presidencias dos gobernos dos 27 Estados Membros (EM). agás no caso de Francia, onde senta quen preside a República. Malia que a iniciativa lexislativa perténcelle á Comisión Europea, que é un órgano que representa ao conxunto da UE, indubidábelmente o peso dos EM segue a ser moi importante. Europa é moito máis -polo menos até de agora- unha Europa dos Estados ca unha Europa das nacións e dos pobos.
Sendo isto certo, semella que os Estados pequenos e medianos incrementan a súa influencia. Por unha banda a regra da unanimidade dálles unha forza moi importante a EM con menos poboación ca Galicia (e hai seis destes :Eslovenia, Lituania, Letonia, Estonia, Chipre, Malta e Luxemburgo). Pola outra a nova Comisión Europea terá unha estonia (a liberal demócrata Kaja Kallas) fronte da política exterior e a un portugués (o socialista António Costa ) á fronte do Consello Europeo.
“Semella que os Estados pequenos e medianos incrementan a súa influencia no novo Parlamento Europeo”
Por outra banda, nos catro principais EM (Alemaña, Francia, Italia e o Estado español) existen evidentes tendencias centrífugas (quer soberanistas, quer autonomistas) que cuestionan a xestión centralizada e a confusión do Estado coa Nación. Tendencias que conectan cunha gobernanza dende os distintos servizos da Comisión Europea que atende na súa xestión e desenvolvemento capilar no territorio a técnicas de descentralización, malia a forza que nas últimas decisións lexislativas teñen os EM.
Neste contexto os vinte e tres EM que non son as catro principais potencias tenden acordar entre si a limitación do peso relativo destas, mentres medra no seu interior a reivindicación autonómica ou territorial. Velaí a decisión consensuada, nesta primavera de 2024, da Asemblea corsa e da Presidencia da República francesa para reformar a Constitución e, deste xeito, aprobar un Estatuto de Autonomía para aquela nación insular, que axiña vai ser repenicada, canto á súa reivindicación,. dende Bretaña e Euskadi Norte.
No Estado español semella difícil unha gobernanza que esqueza a realidade dos millóns de votos soberanistas en Galicia, Euskadi, Catalunya, les Illes, País Valencià ou Nafarroa.
Na Italia medran tamén as tensións e reivindicacións territoriais, mentres nos catro Estados perde sentido a idea de Estado-Nación centralizado (propia da época na que os países europeos facían a guerra uns contra os outros) no contexto dunha Unión Europea que desterrou as guerras internas mentres amosou que estes Estados-nación ao xeito italiano ou francés son moi pequenos para xestionar as políticas monetaria, diplomática ou de defensa e moi grandes para xestionar a sanidade, educación, servizos sociais e políticas ambientais, de ordenamento do territorio e de promoción económica.
Velaí a ocasión para que dende os partidos da Alianza Libre Europea ( ao que pertence o BNG, que partilla no PE por dereito propio coa eurodeputada Ana Miranda) e os outros que non pertencen á mesma (por exemplo JuntsxCat integrará os non adscritos e o PNV o grupo dos liberais demócratas de Renew Europe) e dende as organizacións sociais e gobernos territoriais se traballe a prol deste proceso cara unha Europa cada vez máis dos pobos e-tamén- da cidadanía, único xeito de construir unha UE autónoma, competitiva no económico e operante no político, que sexa, tamén, quen de recuperar o liderado perdido canto aos valores no mundo.