Tomiño | Recordar que as persoas adultas tamén foron adolescentes nalgún momento da súa vida. Esa foi a clave proposta por Carles Vila na xornada do mércores da III Semana da Educación, na que este educador social e mestre da Universidade de Barcelona axudou ao público asistente a reflexionar sobre ‘Como escoitamos e miramos ás persoas adolescentes?’ e como iso afecta directamente a esas persoas en pleno proceso de formación e en pleno camiño cara unha vida adulta.
Ante un auditorio de Goián ateigado, Vila recalcou a importancia de cambiar a perspectiva que as persoas adultas teñen cara as e os adolescentes e a educalos en corresponsabilidade e cooperación, camiñando xuntos e sen proxectar neles as expectativas propias dos maiores que conforman o seu ámbito familiar. Ademais, avogou por xerar espazos de encontro e de confianza no que ofrecer a eses e esas adolescentes a suficiente liberdade para que se desenvolva de xeito natural e que serva, ao mesmo tempo, de punto de comunicación coas persoas adultas. Para Vila, “moitas veces a clave é estar disposto e dispoñible”.