Carballo | A Alcaldía do Concello de Carballo recibirá este xoves, día 24 de maio, o gañador do XIV Premio a artigos xornalísticos normalizadores, o autor ribeirense Carlos Lixó, investigador e profesor de Historia na Universidade de Santiago de Compostela e poeta, nun acto aberto á prensa, e no que o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e mais o concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Regueira, lle entregarán o premio.
O certame, ao que se presentaron 53 traballos, está dotado con 1.250 euros e a publicación do artigo nos nove medios de comunicación colaboradores: Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos. O artigo de Carlos Lixó, titulado «Alpabardas verdes», publicarase o vindeiro domingo, día 27 de maio, en todos eles.
Segundo indicou o xurado na acta, para elixir como gañador ese artigo valorou «a súa calidade narrativa e lingüística» así como «a súa capacidade de incidencia no público», e destacou «o ben que liga o particular co tema xeral que quere transmitir. Partindo dunha anécdota do uso dun termo local concreto, o autor consegue facer unha reflexión global sobre a importancia do uso da lingua, e da súa diversidade e riqueza». Ademais, «o artigo conecta coa actualidade e coa mocidade, exemplificando o uso do galego nas novas tecnoloxías e nas redes sociais, onde é tan importante a súa visibilización e normalidade».
Carlos Lixó Gómez (Carreira-Ribeira, 1991) traballa como investigador no Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, onde tamén imparte aulas de Historia Medieval. Neste mes de maio saíu do prelo o seu primeiro poemario, As casas, merecente do XXX Premio Nacional Pérez Parallé.
O xurado do certame estivo composto por Iria Veiga, médica psiquiatra, e gañadora da edición anterior; Xurxo Chapela, xornalista e escritor; Noelia Antelo, xornalista; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello, como secretario, con voz e sen voto; ademais de Xosé Regueira, concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Carballo.