Pontevedra | A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente provincial César Mosquera, informaron hoxe en rolda de prensa da composición e estrutura do novo goberno provincial, coa distribución de áreas, así como das deputadas e deputados que integrarán a Xunta de Goberno. Tal e como destacou Silva, a distribución responde aos catro “grandes obxectivos” do novo mandato que se vertebrará arredor da transición ecolóxica, da igualdade e do respecto á diversidade, dos dereitos da cidadanía e da cultura e desenvolvemento.
A presidenta destacou a posta en marcha “dun goberno único, potente, cunha folla de ruta ben marcada e na que todos os acordos se deciden conxuntamente”
“Configuramos un goberno único, potente, cunha folla de ruta ben marcada e na que todos os acordos se deciden conxuntamente, de forma consensuada e atendendo a uns obxectivos claros e definidos”, asegurou a presidenta que tamén adiantou que o vindeiro martes terá lugar o Pleno de organización da Deputación. En canto á Xunta de Goberno, estará composta por dez persoas. Carmela Silva será quen presida o órgano e formarán parte do mesmo como vogais, por parte do PSdeG, Carlos López Font, Santos Héctor Rodríguez, Isaura Abelairas, Gorka Gómez, Noemí Outeda, Ana Laura Iglesias e Iria Lamas, e por parte do BNG, César Mosquera (quen actuará como presidente naquelas ocasións nas que a presidenta se teña que ausentar) e María Ortega.
En relación ás áreas de goberno, “temos feito un reparto ben pensado, atendendo ademais aos perfís profesionais das deputadas e deputados, que teñen un grande coñecemento das áreas que van desenvolver”, destacou a presidenta. “Trátase dun reparto moi paritario e atendendo aos grandes obxectivos do goberno que son a transición ecolóxica, a igualade e respecto á diversidade, os dereitos da cidadanía e a cultura e o desenvolvemento”.
Deste xeito, Cooperación Municipal será dirixida por Santos Héctor quen tamén se fará cargo do SAIM (Servizo de Asistencia Intermunicipal). Pola súa banda Isaura Abelairas volverá a encargarse de Igualdade e outro dos deputados que repiten mandato, Carlos López Font, será o responsable de Réxime Interior, Economía, Facenda e Novas Tecnoloxías e do ORAL.
Cultura será dirixida por Vicky Alonso, Deportes por Gorka Gómez, Cohesión Social por Olga García, Turismo e Xuventude por Ana Laura Iglesias e Infraestruturas e Vías provinciais por Gregorio Agís. Pola súa banda o Centro Príncipe Felipe, a Escola de Enfermería e a de Cantería serán responsabilidade de Noemí Outeda, e a Finca de Mouriscade, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro e o CAAN de Manuel González. Amais, a deputada Raquel Giráldez encargarse de Promoción Económica e Emprego e Iria Lamas de Proxectos Europeos, Arquitectura e Transición Ecolóxica e Medio Ambiente.
Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera confirmou que será o encargado do Museo de Pontevedra e do Plan Revitaliza e Uxío Benítez, que tamén repite mandato, levará Mobilidade alternativa e Espazos Públicos así como Cooperación Transfronteiriza e a AECT Río Miño. Amais, a deputada María Remedios Ortega será a responsable de Patrimonio Documental e Bibliográfico, Patrimonio Material (etnográfico, arqueolóxico e arquitectónico) e Memoria Histórica, Normalización e Servizos Lingüísticos.
Ao igual que Carmela Silva, Mosquera amosouse convencido de que se fixo a mellor distribución posible para avanzar os vindeiros catro anos. “A vez pasada logrouse máis do que era previsible e seguro que neste mandato vai suceder o mesmo ou mellor, xa que sabemos que obxectivos e limitacións ten esta casa”, insistindo en que é fundamental poñer obxectivos máis alá das competencias impropias que asume a Deputación, xa que do contrario “sería un desgoberno”. Mosquera asegurou que “impulsar, mover, actualizar, e dar novos obxectivos a calquera área precisa moita enerxía, moito coñecemento, moita dispoñibilidade” e indicou “con toda a seriedade” que “se alguén pensa que nestes momentos o BNG leva pouca cousa, podo dicir que levamos demasiado”. Fixo referencia, así, a áreas como Memoria Histórica ou o Museo, do que dixo “darlle un salto para adiante vai dar ben de traballo e dedicación”.
Finalmente, o vicepresidente pediu ao Partido Popular que neste mandato “deixe a actitude esquizofrénica e bipolar que tivo a vez pasada”, lembrando que se ben nun principio os ‘populares’ amosaran o seu acordo, de repente, pasado o pleno de organización, e no seguinte pleno montaron “a marimorena sen vir a conto”. “Polo ben do PP e da institución, da que se pode sacar case todo e satisfacer demandas, agardo que cambien a actitude”, subliñou.
Pontevedra, 12 de xullo de 2019
Saúdos
Gabinete de Prensa