Deputación de Pontevedra | A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou hoxe en O Porriño o importante papel cultural do Festival de Cans que “nos converte nunha referencia, nos sitúa en Galicia, no Estado, a nivel internacional, e que consegue algo extraordinario, que sexamos felices”. O evento, incluído na nova marca provincial de calidade “Rías Baixas Film Fest” creada coa Deputación para relanzar e fortalecer aos festivais de cinema, celebra a súa XVII edición entre o 2 e o 5 de setembro.
Na presentación do certame, nun acto marcado polas distancias e normativas da Covid19, organizado pola Asociación Cultural Arela baixo a dirección de Alfonso Pato, a presidenta provincial falou de “orgullo do noso, do cinema que fala do que somos, un grande pobo no que o talento e a creatividade nos caracteriza”. A presidenta provincial fixo fincapé na labor de todos os homes e mulleres que traballan “para que este festival sexa posible”, fixo unha mención moi especial “ás veciñas e veciños de Cans que nos sitúan un ano máis no centro do mundo”, e amosou o seu agradecemento ás persoas presentes no acto, desde Alfonso Pato; á alcaldesa de Porriño, Eva García de la Torre; ao director de Agadic, Jacobo Sutil; e a todas as asociacións, administracións e demais autoridades “que apostan por Cans”.
Na sección oficial do Festival compiten este ano un total de 23 curtametraxes e 15 videoclips. Ademais entre o total das películas proxectadas haberá 15 estreas e 10 estreas en Galicia. Neste eido, no que respecta a sección oficial de non ficción Furacans, as estreas son “Usos e Costumes”, “Notas sobre a habitabilidade en A Barca”, “Un lugar bajo el sol”, e “Paisaje y Paisanaje”. A sección complétase con “Da morte nace a vida”, “1 de 8.000” e “Cartografía do esquecemento”. En canto á sección internacional Extracans, estrearanse cinco curtametraxes chegadas de cinco países diferentes: “Carne”, “Kresala”, “To the Sea”, “Metamorphosis”, e “Seven Sharp”.
Ademais, este ano tamén se crearon dúas novas seccións, unha delas competitiva e dedicada as realizadoras/es máis novas/os baixo o nome Novas Camadas, e outra paralela na que se proxectarán obras de actrices e actores que deron o salto á dirección chamada Directrices. Ademais de cinema, durante 5 días o certame acollerá exposicións, roteiros, visitas guiadas, homenaxes ou coloquios, nos que participarán, entre outras persoas, os actores e actrices Amador Arias, Benedicta Sánchez, Monti Castiñeiras ou Ana Santos.
As actividades desta edición, que tivo que ser aprazada por mor da pandemia, terán un aforo especialmente reducido debido á crise sanitaria. Neste eido, a Deputación de Pontevedra deseñou, en colaboración cos Rías Baixas Film Fest, un Protocolo Covid de medidas de seguridade común a todos os eventos, a través do cal a institución achega detectores manuais de febre, instrumentos para establecer as distancias interpersoais, catenarias para organizar os accesos e saídas, carteis informativos coas medidas de seguridade para o público, mensaxes a través de megafonía e contadores de asistentes para cuestións relacionadas cos aforos.