Deputación de Pontevedra | A homenaxe á muller galega e a reivindicación da súa forza foron hoxe os fíos condutores da nova acción do programa contra as violencias machistas “Mulleres en Acción. Violencia Zero” que se desenvolveu en Gondomar, a actuación “tribal” da cantante Zeltia, acompañada de Andrea, e na que a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, volveu reiterar o firme compromiso da institución provincial na loita a prol da igualdade. “Falamos dun soño que pode cambiar o mundo“, dixo Carmela Silva, que estivo acompañada neste concorrido acto na praza de Paradela polo alcalde, Francisco Ferreira, a deputada de igualdade, amais do persoal do CIM de Gondomar, alumnas e alumnos dos obradoiros de emprego do concello, e representantes do goberno municipal.
A presidenta da Deputación de Pontevedra enxalzou en Gondomar “Ás mulleres guerreiras galegas das que herdamos a forza para loitar pola igualdade”
Na súa intervención, a presidenta provincial quixo enxalzar o papel das mulleres galegas loitadoras “as nosas bisavoas, avoas e nais, que traballaron arreo, en silencio e sen recoñecemento, pero que fixeron que Galicia sexa hoxe o que é; esas mulleres das que somos herdeiras e polas que temos esa forza para seguir loitando”. Carmela Silva agradeceu que mulleres mozas como a propia protagonista da acción artística Zeltia e a súa compañeira de acción Andrea, “dean o relevo nesta batalla contra a violencia visible e invisible que sofren as mulleres e que levan a súa mensaxe, que é a máis fermosa do mundo, a loita pola igualdade”. Unha loita que, volveu insistir, “ten que ser unha prioridade para todas e para todos”. “Precisamos que os homes nos acompañedes nesta loita _indicou_. Nós seremos felices porque teremos dereitos. Pero vós seredes máis felices porque viviredes ao lado de mulleres felices”. Silva lembrou os arrepiantes datos da violencia machista, que este ano xa deixou 25 mulleres asasinadas, catro nas pasadas semanas, 55 o pasado 2019 e máis de mil desde o 2003, en que comezaron a contabilizarse os datos. “Sempre amais de formas tan crueis. Queimadas, matadas a golpes, tiradas por ocos das escaleiras, escachadas en anacos… Sei que son cousas que son e soan duras, pero é a verdade. É o que padecen as mulleres e hai que contalo. Non é un argumento máis que brutal para que nos poñamos todas e todos en contra desa violencia? Hai que poñerlle freo a estas violencias que padecemos polo simple feito de ser mulleres”.
O alcalde Paco Ferreira, pediu un “esforzo á sociedade para con unidade apoiar o camiño da igualdade e manter o apoio ás vítimas ata que a violencia sexa cero”
Pola súa banda, o alcalde Francisco Ferreira agradeceu o apoio da Deputación ao Concello de Gondomar e, máis en concreto, o de Carmela Silva, “alguén que pon en referencia o valor das mulleres”, e amosou a necesidade de “estar todos e todas unidos na causa” da igualdade. Sinalou que na actualidade hai vinte mulleres que son vítimas activas da violencia de xénero neste concello e “que precisan a vixilancia e a axuda de todos nós”. No que vai de ano houbo 12 denuncias por maltrato e hai 5 ordes de afastamento, “polo que o compromiso das administracións nesta loita é fundamental; e temos que implicarnos non só na loita contra a violencia física, senón tamén psicolóxica”. Engadiu que estas situacións agraváronse nesta época de confinamento “e aí é onde temos que estar máis atentos, coa colaboración entre a Policía Local, a Garda Civil e a veciñanza, temos que detectar estes problemas e non dubidar para nada en actuar a fin de poñer a salvagarda os intereses das vítimas”. “Temos que traballar ata que a violencia sexa cero cero”, concluíu.
Na súa actuación na Praza da Paradela, Zeltia, que pediu o compromiso das administracións para visibilizar estes actos “que dan vida ás mulleres”, ofreceu un recital de canto á terra con fondura nas letras e unha voz incomparable con sons tribais de bosque autóctono. Unha acción que reivindicou a figura da muller galega ao longo do tempo, de fortaleza e empoderamento, facendo rexurdir á muller guerreira ao través da música e dos elementos ambientais. Zeltia sempre di que “se a vida é un reto, a muller demostra superación”