Jerez | A presidenta da Deputación de Pontevedra recibiu en Jerez o premio de #MujeresImparables polo seu traballo en pro da Igualdade e foi recibida nos concellos de Jerez e Rota, onde tamén mantivo un encontro de traballo co presidente da Deputación de Cádiz. “Antes que nada son feminista, tamén son optimista e sei que gañaremos esta loita que é a da metade do mundo, pero estou preocupada porque a Axenda política Feminista está desaparecida neste momento e temos que recuperala”.
Con esta declaración de principios a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, foi protagonista hoxe en Rota, no Congreso de Feminismo da Provincia de Cádiz. A presidenta provincial, que compartiu Mesa de Debate sobre “Entidades locais e políticas de igualdade”, con Silvia Buabent, experta en Igualdade e ex directora do Instituto da Muller, e Soledad Pérez, avogada e ex deputada do Parlamento de Andalucía, sinalou que “a política local ten sido sempre unha gran impulsora da igualdade. E hoxe somos o reduto do feminismo activo e temos que defendelo, promovelo e estar desde o mundo local no centro esixindo a todas as administracións públicas que hai que recuperar con políticas reais e integrais a axenda de igualdade, a axenda feminista”.
Carmela Silva salientou que “levantar a bandeira violeta é levantar a bandeira da construción doutro mundo, é imprescindible”, e cualificou como “indecente” que a metade do mundo “non estea no eixo central da política pública. Por iso defendeu a necesidade de “recuperar a axenda feminista, a axenda das mulleres”. “Podemos compartir –manifestou- parte das cuestións con outras axendas, pero temos a nosa. Queremos a metade do poder, somos abolicionistas, estamos en contra da mercantilización do corpo das mulleres, e queremos a metade de todo. Esa axenda ten que estar no centro e na Deputación de Pontevedra o está, non hai nada máis importante. Non é palabrería, facemos un traballo transversal”. Carmela Silva lembrou que “cando unha feminista chega ao poder, con ela chegan todas as mulleres” e indicou que non hai na institución provincial “ningún lugar onde non estean presentes, elas e os seus dereitos”.
Neste senso, no seu repaso pola actividade da institución, a presidenta destacou a posta en marcha da Escola de Igualdade María Vinyals como primeira medida “para facer chegar á sociedade aquelo que defendemos”, así como a promoción dun movemento en rede “para seguir construíndo pensamento feminista” creado coas mulleres da cultura, desde a escrita ao audiovisual, ás do sector primario, a empresa, a universidade e as tecnólogas “que hoxe están a ter un papel moi relevante e temos sido capaces de crear un corpus corporativo”. “Temos cambiado –subliñou- algúns pensamentos, porque hai que falar de igualdade como outros falaban antes de convenios de infraestruturas”.
Carmela Silva engadiu que o Goberno provincial seguirá a avanzar na liña da loita feminista con novas medidas “en cada un dos nosos orzamentos” e con recursos para axudar aos concellos de menor tamaño, “aínda que sempre esixindo que xustifiquen que se empregan en igualdade”. “Se non hai paridade, non haberá financiamento para ningún tipo de evento –subliñou-. Estamos fartas das fotos negras. Estamos moi atentas a todas as cuestións que desde a sociedade poden ser subvencionables e se non hai paridade, non hai axuda porque –sentenciou- se poden facer cousas, e hai que ter a vontade de facelas” .
Sinerxías en Igualdade das Deputacións do Estado
Previamente ao Congreso desta mañá, Carmela Silva mantivo un encontro co presidente da Deputación de Cádiz, Juan Carlos Ruiz Boix, quen trasladou á presidenta provincial o seu recoñecemento pola referencia en igualdade que é a Deputación de Pontevedra “que está a servir de exemplo para outras institucións provinciais”.
Na reunión tamén se falou de próximas iniciativas desde as Deputacións para establecer sinerxías e crear unha rede para liderar políticas de igualdade e traballar en relacións territoriais. Carmela Silva subliñou que “estas accións permitirán que todas e todos coñezamos as boas prácticas que se están a facer en moitos lugares e que poderíamos implementar en todas as áreas”
Premio #MujeresImparables
A viaxe á provincia de Cádiz, ao abeiro da súa participación no Congreso, tivo tamén na tarde do xoves o acto de entrega a Carmela Silva do Premio da Asociación #MujeresImparables en recoñecemento ao seu traballo en prol da igualdade desenvolvido na Deputación de Pontevedra, referencia neste ámbito en todo o Estado. A presidenta provincial visitou igualmente o Concello de Jerez, onde foi recibida pola alcaldesa Mamen Sánchez e onde asinou no Libro de Honra da institución, recepción oficial que posteriormente tivo tamén Concello de Rota onde se reuniu co alcalde José Javier Ruiz Arana.