Carmen Rodríguez Nóvoa, a militante socialista máis veterana da provincia de Ourense

Recibiu o premio Con-Memora 2023 ao compromiso político

Ourense | O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar a II edición de Con-Memora, a xuntanza provincial do socialismo ourensán, baixo o lema “Ourense, fervenza do socialismo”. Un evento que “trata de reflexionar sobre o presente, sen desprenderse do pasado, pois o sentido de continuidade axuda á seguranza que é a máis básica das necesidades humanas, logo das fisiolóxicas”, sosteñen no PSdeG.

No acto, no que participaron máis de 250 persoas, estiveron presentes o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino; o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso; e centos de militantes e cargos orgánicos chegados desde tódolos puntos da provincia. O acto estivo presentado pola secretaria provincial de acción sindical e traballo, Beatriz Domínguez Blanco.

Como xa aconteceu na primeira edición, celebrada na Peroxa, procedeuse a entrega do premio Con-Memora ao compromiso político, que desta vez recaeu en Carmen Rodríguez Nóvoa, (de Abeleda, concello da Teixeira) a militante socialista máis veterana e que cumpriu fai escasas semanas 100 anos. Carmen toma deste xeito o relevo de Pepe Rivera, premiado na anterior edición. Dende o PSOE ourensán sinalan que “ambos reflicten o mellor da historia socialista ourensá, serven de guía e outórgannos a continuidade precisa para comprendernos como militantes, outorgando sentido á evolución que se precisa para actualizar o noso ideario e proxecto”.

Posteriormente, tomou a palabra Celso Fernández López, ex alcalde de Maside e actual director do SEPE en Ourense, quen aproveitou a súa intervención para falar do Consello Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, unha iniciativa que os e as socialistas ourensás porán en marcha en próximas datas.

“A súa función será recuperar, coas voces das agrupacións socialistas da provincia, o mellor da nosa memoria, así como recoller necesidades e inquedanzas, e xerar espazos de pensamento e debate que anovan as guías de acción socialista que nos demanda a sociedade á que pertencemos”, explicou Fernández López

Villarino
Pola súa banda, o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, agradeceu aos presentes a súa presenza e lembrou que Con-Memora, a festa provincial do socialismo ourensán “ten a metafórica clave de bóveda na voda dos pais do fundador do PSOE, Pablo Iglesias Pose, o 24 de abril de 1841 en Ourense”.

En relación aos premios ao compromiso político, o líder dos socialistas ourensáns puxo o foco na “importancia” de manter “viva” a historia do socialismo ourensán e sinalou que “se perdemos de vista a nosa historia, desaparece o sentido de continuidade e medra a desorientación e a percepción de indefensión”.

Rodríguez Villarino puxo de manifesto que “ruído interesado das dereitas, e o seu interese por borrar os progresos, non minguarán a esperanza do país, nin a cohesión ou a historia do socialismo, de xeito que seguiremos a avanzar actualizando en cada recuncho da nosa terra o rumbo que comezou o único partido que leva a servir á nosa terra dende hai máis de 144 anos”. Por último quixo facer alusión a “responsabilidade” do PSOE “na súa labor na procura de acordos políticos que sacarán ao país, en breve, da indefendible situación de parálise actual, por mor do esperpéntico intento de investidura das dereitas, asentando liñas de mellora social e un novo vieiro socialista primeiro en España, e despois en Galicia e Ourense”.

Formoso
Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG, pechou o acto, facendo un chamamento a “asumir a responsabilidade deste momento político” para seguir avanzando en dereitos, “sen dar pasos cara o pasado”. O líder dos socialistas galegos tamén fixo fincapé en que “merece a pena ilusionar a Galicia con políticas distintas”, en referencia ás que está aplicando o goberno do PP na Xunta.

“Galicia necesita reconquistar os seus servizos públicos, como a sanidade e a educación, logo de tres lustros de recortes e maltrato” do Partido Popular”, afirmou Formoso, antes de subliñar que “necesita que as mulleres poidan seguir avanzando en igualdade e en dereitos, sen que ninguén decida por elas, e necesitamos medidas de apoio efectivo ás familias cando veñen mal dadas”.