Tui | O subdelegado do Goberno, Abel Losada, e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, inauguraron a exposición sobre a cartografía da fronteira portuguesa. A mostra é unha iniciativa do Centro Xeográfico do Exército de Terra e a Subdelegación de Defensa en Pontevedra, que dirixe o coronel Miguel Cortés.
Abel Losada agradeceu o traballo da Subdelegación na difusión da cultura da defensa e enxalzou a calidade técnica da exposición. Subliñou a importancia histórica da fronteira nas relacións entre Galicia e Portugal e o seu novo papel nunha Europa unida. Losada definiu a “raia” actual como un eixo de crecemento socioeconómico e destacou que a hoxe simbólica fronteira entre Valença e Tui é o espazo de maior fluxo de toda a fronteira hispano-portuguesa.
A exposición, que pode verse no edificio Francisco Sánchez, mostra a evolución histórica dos traballos para o establecemento da fronteira con Portugal, prestando atención preferente á zona fronteiriza ao longo do Río Miño.
“Destaca a importancia histórica da fronteira nas relacións entre Galicia e Portugal e o seu novo papel nunha Europa unida”
A exposición temporal presenta cartografía histórica de Galicia e a provincia de Pontevedra, con especial fincapé na zona obxecto da exposición: a fronteira luso española, incluíndo, entre outros, mapas costeiros e de zonas fluviais en Baiona, Tui ou Salvaterra de Miño.
Recolle láminas ilustrativas achega do Tratado de Límites entre ambas as nacións e o seu desenvolvemento histórico ata a actualidade, así como os métodos e instrumentos empregados ao longo da historia para a representación xeométrica da Raia e outras fronteiras internacionais.
A mostra pode visitarse de forma libre e gratuíta no edificio Francisco Sánchez de Tui, ata o 10 de febreiro (de 9 a 14 h e de 16 a 21 h, de luns a venres; de 9 a 13 h, os sábados). Na mesma localización, o mércores 31 de xaneiro, ás 19 h, terá lugar a conferencia “Traballos de delimitación na Raia”, con entrada libre ata completar aforo.