A Coruña | Emilia Pardo Bazán publicou en 1914 Las medias rojas. Este pequeno relato é hoxe é un dos máis empregados para poñer a mocidade en contacto coa autora. A historia protagonizada por unha adolescente, Ildara, maltratada polo seu pai (tío Clodio), permite abordar temas como a violencia de xénero e a emigración, todos eles un século despois aínda de actualidade. Isto foi o que fixeron o curso pasado estudantes e profesorado do IES de Quiroga (Lugo), aplicando unha perspectiva interdisciplinaria que deu como froito unha adaptación do relato ilustrada por alumnas e alumnos de 4º da ESO. O libriño, editado polo propio centro coa colaboración da Casa – Museo Emilia Pardo Bazán, foi presentado esta tarde na que foi a residencia familiar da autora na rúa Tabernas da Coruña.
O alumnado que creou as ilustracións participou no acto xunto aos profesores que coordinaron o proxecto, o docente de Debuxo, Francisco Jaureguizar; e a profesora de Literatura e responsable da biblioteca, Eva Teijeiro; a directora-conservadora da Casa-Museo, Xulia Santiso; e a académica Marilar Aleixandre. A idea foi de ambos os docentes cando se propuxeron traballar da man para propoñer na aula unha tradución da literatura á linguaxe plástica. O relato de Emilia Pardo Bazán foi escollido porque, ademais de ser esta unha autora que se estuda no curso en que se desenvolveu a iniciativa, se presta moi ben para traballar o tema da violencia de xénero, unha problemática que tamén se quixo abordar cadrando coa celebración do 25 de novembro, o Día Internacional contra a Violencia cara ás Mulleres.
“É un relato moi duro, pero ao mesmo tempo resulta absolutamente crible”, apunta Eva Teijeiro. Máis novo é para os alumnos e alumnas descubrir a vida de Emilia Pardo Bazán. “Normalmente chámalles moito a atención a súa vivencia biográfica, é unha das primeiras mulleres escritoras que estudan e iso xa lles resulta moi sorprendente. Quizais tamén agardan un texto diferente vindo dunha muller, cando en realidade é unha autora do realismo-naturalismo que ten unha maneira de escribir e de achegarse á realidade da época dunha maneira moi vívida”, engade.
A académica Marilar Aleixandre e a directora-conservadora da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán felicitaron ao IES de Quiroga pola iniciativa de ilustrar Las medias rojas e o resultado. “Agradecemos ao IES de Quiroga esta iniciativa que supuxo traballar cun texto dunha escritora que foi pioneira na denuncia dos malos tratos, da violencia de xénero. O profesorado soubo ver tanto o valor literario como o contido social e feminista, e tamén as posibilidades plásticas deste relato”, resume Marilar Aleixandre. “O éxito da experiencia fainos pensar en continuala, propoñendo un premio de ilustración anual entre os centros escolares que nos visiten”, apunta Xulia Santiso. “Os cerca de 700 contos que Emilia escribiu darannos base para facer propostas fecundas e estimulantes”, conclúe.
As ilustracións seleccionadas son autoría de Aarón Esteves García, Paula González Martínez, Luis Emilio Núñez Morales, Mario Quiroga Puga e Pedro Sánchez Suárez.