Moaña | A campaña de prevención sobre o cannabis que puxeron en marcha o Concello de Moaña e a Asociación Érguete durante o ano pasado, xa formou a case 100 adolescentes do IES Plurilingüe A Paralaia e do IES As Barxas co obxectivo de achegar ao alumnado conceptos e ferramentas de prevención e sensibilización respecto ao cannabis.
A concelleira de Benestar Social, María Ortega, destacou os resultados e salientou “a importancia de estar ao lado dos mozos e mozas para axúdalos a entender a problemática das adiccións, sempre con empatía e sen estigmatizar nin culpabilizar”.
A edil tamén engade que, ademais deste programa, o Concello e a Asociación Érguete seguen traballando para por en marcha outros proxectos para previr as adiccións no municipio do Morrazo.
A coordinadora da Oficina Técnica de Prevención da Asociación Érguete, Laura Durán, explica que “levamos anos colaborando cos centros de educación primaria e coas familias para falar dos perigos do atracón do alcol, do xogo online e das apostas deportivas”. Durán quere agradecer ao Concello de Moaña “a súa implicación coas nosas propostas”, e está convencida que este tipo de políticas preventivas son as “máis axeitadas para traballar no ámbito das adiccións”.