Case 900 persoas visitaron o Castelo de Dona Urraca en Salvaterra

Dende o mes de abril e con novo horario

Salvaterra de Miño | O Castelo de Dona Urraca ratifica a boa acollida que ten o seu contido museográfico entre veciños e foráneos.

Ademais, este espazo de divulgación vitivinícola vese complementado coa inclusión do Punto de Información Turística no interior do Castelo de Dona Urraca, xa que son moitas as demandas de información que o municipio de Salvaterra de Miño recibe acerca dos seus senlleiros recursos turísticos.

Case novecentas persoas visitaron, dende o mes de abril, o espazo arquitectónico máis representativo de Salvaterra de Miño, o Castelo de Dona Urraca.

As visitas ó Castelo de Dona Urraca xa poden ser audioguiadas e realízanse mediante unha aplicación que o visitante poderá descargar no seu teléfono ou dispositivo móbil. Un sistema que permite ó usuario non só coñecer de primeira man todos os contidos do museo senón tamén, obter información dos principais recursos turísticos do municipio.

O elevado volume de visitantes que se achegan ó Castelo de Dona Urraca reflicte o gran interese que o municipio esperta pola variedade e riqueza dos seus puntos turísticos. O Castelo de Dona Urraca, que alberga o Museo da Ciencia do Viño e tamén o Punto de Información Turística, está aberto de mércores a domingo, no seguinte horario de atención ó público: de 11h a 14h e de 17h  a 19h.

Non será preciso a inscrición previa agás para os grupos de máis de 15 persoas.
As reservas para grupos deberán efectuarse a través do teléfono 617.14.88.66 ou no enderezo electrónico: museocienciavino@concellodesalvaterra.org.