No número de marzo das Novas do Eixo Atlántico publiquei un artigo rotulado “Casandra apesarada”. Referíame daquela á moza murciana que ía ser xulgada polos chistes que fixera en twitter sobre Carrero Blanco. Infelizmente o artigo do hoxe ten que levar o título que xa ven.
Cassandra (con dous “s” escribe o seu nome) ten 21 anos. Cando naceu había trinta que Carrero Blanco “ascendera aos ceos”, así nos chanceabamos daquela os mozos da idade actual da nosa infortunada protagonista, tanto polo fervor relixioso do almirante como por ocorrer o atentado despois de escoitar misa e comungar, xa que logo en “pleno estado de graza”.
Corenta e tantos anos despois do feito a Audiencia Nacional acaba de condenar a rapaza murciana, estudante de Historia, a un ano de cárcere porque os seus chíos son un “descrédito, burla e mofa a unha vítima do terrorismo”. Foi xeneroso o tribunal de orde pública, escusen o lapsus, pois a fiscalía solicitaba dous anos e medio de castigo carcerario.
Catro anos despois do feito (1977) houbo unha lei de amnistía que serviu, é certo, para liberar centos de presos políticos, moitos deles “engaiolados” polo goberno dirixido polo almirante das “cellas mestas”, pero tamén, e sobre todo, para absolver os sublevados en 1936 e os dirixentes da ditadura. Cinco anos despois (1978) referendouse unha Constitución para instaurar un novo réxime democrático. Mais as elites perviviron, tamén as xudiciais. A casta da España de hoxe segue a considerar o franquismo lexitimado por dereito de conquista, pola vitoria en 1939.
Alguén entendería que se condenase unha moza alemá por escribir que Hitler se “suicidou ao ver a conta do gas” ou unha italiana por chiar que Mussolini morreu de “fasciste aguda”? Non, verdade? Pero en España condénase unha rapaza por lembrar que Kissinguer lle regalou a Carrero un anaco da lúa e ETA pagoulle a viaxe. Ou será porque Cassandra sabe Historia?
Por iso se xulga esta rapaza, condenase e enfastíaselle a vida por trece chistes. Ela mesmo o escribiu no día que coñeceu a condena: “No sólo me quedo con antecedentes, me han quitado el derecho a beca y destrozado mi proyecto de ser docente. Me han arruinado la vida”.
No artigo anterior, nun post scríptum a este mozo impulsor de aventuras xornalísticas que é o Guillermo, o meu director, expresáballe as miñas dúbidas de se debía ou non publicar o escrito por se algún deses fiscais o puidesen considerar unha ameaza contra a seguridade cidadá. Agora volveríalle facer esa recomendación que sei nin considerará.
Que non triúnfe a estratexia do medo.