O libro fala brevemente da vida de Castelao, das conferencias que deu e das xuntanzas que mantivo, recollendo textos relativos ás súas relacións cos dirixentes nacionalistas vascos e aportando numerosas fotografías.
Nas súas páxinas -non me lembro quen- alguén comenta que Castelao era moi bo e tolerante e a súa figura é tratada con respecto e simpatía por Anasagasti en todo o libro. E, entre algo de palla, encontrei estas frases de Castelao, que resalto: “Nunha España inimiga de Galicia, negadora dos seus dereitos, mutiladora da súa personalidade, nunha España ditatorial, nunha España inimiga da liberdade, nesa España eu si son e serei separatista”. E esta tamén impactante: “Todo poderá ocorrer, todo, menos que eu traizoe a razón da miña vida e a confianza que os meus irmáns depositaron en min”.
Castelao era un bo amigo de Agirre, o primeiro lendakari vasco, e admirábao tanto a el como ao pobo vasco por seren capaces de rachar coa escuridade imposta e de faceren públicas as súas posicións. Fálase tamén do pacto de Galeusca, entre nacionalistas galegos, vascos e cataláns, que tiña unha aspiración confederal (plurinacional) co resto do Estado.
“Castelao era un bo amigo de Agirre, o primeiro lendakari vasco, e admirábao tanto a el como ao pobo vasco”
Porén como dicía Otegi, España non parece querer confederarse coas nacións periféricas (entre as que tamén debemos citar, por exemplo, a Canarias). Castelao manifesta nun discurso en Montevideo a súa solidariedade con Gernika, a cidade-símbolo da nación vasca, masacrada polos fascistas. Baixo o carballo de Gernika, o lendakari AGIRRE xurara fidelidade ao pobo vasco. Tamén engado un comentario de Castelao no que vén a dicir que até que Galiza sexa libre, nós -cidadáns galega/os- non seremos libres.
O libro tamén fala do presidente- mártir catalán Compayns, de Bóveda, de Tarradellas,… Tamén fala do apoio do PNV ao noso estatuto de autonomía e das homenaxes vascas póstumas a Castelao.
E engado un comentario de Castelao no que dicía -recollido no libro Montse Fajardo- que el non tiña vocación de anxo. Porén, aínda que con críticas e sen facer grandes concesións, toleraba a quen na dialéctica marxista-leninista se define con frecuencia como “inimigos do pobo”. Porén até a/o máis ignorante sabe cando é tratado con xustiza e benevolencia e cando non…