O vindeiro 15-N cúmprense 78 anos da constitución en Montevideo do Consello de Galiza, integrado polos catro deputados galegos eleitos nas derradeiras eleccións republicanas que, por residir na Sudamérica, desfrutaban de liberdade de acción: Alfonso R. Castelao, Elpidio Villaverde, Antón Alonso Ríos e Ramón Suárez Picallo.
O 28 de xuño de 1936 a cidadanía galega aprobara o seu Estatuto de Autonomía, cunha grandísima maioría, mais a rebelión militar e fascista do 18 de xullo impediu que o mesmo fose aprobado nas Cortes.. Xa que logo Galicia non constituira aínda as súas institucións autonómicas, mais si exercera inequívocamente o seu dereito a decidir.
Velaí que fose ben decidido (ademáis dunha xenialidade política de Castelao, seica suxerida polo lehendakari Agirre ) que os seus representantes parlamentarios constituisen ese Consello de Galiza, como representante fideicomisario da dupla vontade do pobo galego: a electoral expresada en febreiro de 1936 e a estatuínte, expresada plebiscitariamente en xuño de 1936.
Castelao foi elixido presidente do Consello e investido de poderes plenos para a negociación cos gobernos vasco e catalán no exilio dunha acción política común, no seo de Galeusca. Das resultas deste labor Castelao fixo parte como ministro do Goberno republicano no exilio de José Giral (abril 1946-marzo 1947), con sede en París.
Un Goberno que recibiu importante axuda económica e política do goberno francés, que chegou pechar a fronteira co Estado español e debater unha acción armada que fose quen de restablecer a democracia republicana no Estado español. Mais Castelao non se integrou no Goberno republicano como home de partido, senón como representante do noso País, nomeado para o efecto polo Consello de Galiza.
Castelao foi elixido presidente do Consello e investido de poderes plenos para a negociación cos gobernos vasco e catalán no exilio dunha acción política común, no seo de Galeusca
Como resultado deste proceso a Constitución española de 1978 recoñeceu un acceso privilexiado á autonomía para as nacionalidades que plebiscitaran no pasado cadanseus Estatutos (Galicia, Euskadi e Catalunya), negociando cadanseu Estatuto dun xeito paccionado entre os parlamentarios galegos e os representantes da Comisión Constitucional do Congreso.
No noso Estatuto, aprobado no 1981, proclámase Galicia como nacionalidade que se constitúe en comunidade autónoma para acceder ao seu autogoberno. É dicir, recoñécese a preexistencia nacional, histórica e política, da Galicia, a respecto da Constitución e do Estatuto.
Como depositario da vontade autonómica e electoral da cidadanía galega, tendo en conta os longos anos de interrupción democrática, longa noite de pedra e goberno franquista de feito, o Consello de Galiza foi o lexítimo representante do noso país. Xa que logo, é aquelado dicir que o seu presidente Castelao foi o primeiro presidente da Galicia.