Ourense | Cástor Vázquez tomou posesión do cargo de comisario provincial da Policía Nacional de Ourense nun acto oficial celebrado na Subdelegación do Goberno. Asistiron o subdelegado Emilio González Afonso; o xefe superior da Policía de Galicia, Ramón Gómez Nieto; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; o delegado da Xunta Gabriel Alén e outras autoridades institucionais, xudiciais e militares da provincia.
Formalizouse así o nomeamento do comisario, que xa ocupaba o cargo provisonalmente desde o mes de xuño. Vázquez é ourensán e mostrou a súa satisfacción por “volver á miña casa, á miña terra”, á que chega tras prestar servizo na comisaría de Santiago, onde se enfrontou a retos como o accidente do tren Alvia en Angrois e o roubo do Códice Calixtino da Catedral de Santiago.
Cástor Vázquez comprometeuse a traballar para “proporcionar unha contorna segura á comunidade”, neste caso á sociedade ourensá, referíndose non só ao núcleo estable da cidade, senón a todos os que chegan por outros motivos, desde turistas e peregrinos a estudantes ou traballadores.
O comisario xefe apostou por reforzar a “loita contra toda forma de odio e dominación” e a ciberdelincuencia, e sinalou que “continuaremos traballando para mellorar os nosos sistema de loita contra a violencia sobre os máis vulnerables, con especial atención ás mulleres, en todas as súas variantes”, así como “na seguridade dos nosos maiores, os nosos fillos nos colexios, os sanitarios e os novos momentos de lecer”.