Castro Caldelas | O Concello de Castro Caldelas mantén a súa aposta pola promoción da gandeiría de vacún na Comarca de Caldelas. O día dous de marzo celebrouse a primeira feira do ano 2024 no recinto do Toural.
O calendario de feiras para este ano, acordado cos gandeiros da zona o pasado verán nunha reunión comarcal co sector, é o seguinte 3 de agosto e 11 de setembro coa XXVII Feira-Concurso Exposición de Gando Vacún.
Segundo a alcaldesa Sara Inés Vega Núñez, é unha iniciativa que “nos permita poñer en valor e axudar nestes momentos difíciles para o campo galego co obxecto de premiar o esforzo e iniciativa á hora de contar cun gando de excelentes cualidades e con diferentes razas nesta comarca de montaña, facilitar as transaccións económicas de venda das súas reses entre os propios gandeiros e tratantes e o intercambio de experiencias entre os produtores para axudar a implatación de gando autóctono, cada vez con máis futuro dada a gran calidade dos nosos pastos e praderías”.
Outras das pretensións destas mostras é “situar á gandería no lugar que cremos que debe ocupar como motor económico e de loita contra o abandono do campo, a loita contra os lumes e o relevo xeracional. Queremos potenciar ao máximo a comercialización e distribución destes produtos, base primordial da economía da nosa comarca contando coas institucións públicas”, dixo a alcaldesa.