Castro Caldelas celebrou o Concurso de Gando

Foi o remate de cinco días das Festas dos Remedios

Castro Caldelas | Eladio Santos, subdelegado do Goberno en Ourense, asistiu esta mañá á Feira Concurso de Gando, que se celebrou no recinto do Toural de Castro Caldelas, e coa que a localidade pecha as súas tradicionais Festas dos Remedios.

A pesar das dificultades, logo de que os brotes de enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) o puxesen en dúbida, finalmente puido celebrarse a cita gandeira nesta edición de 2024, dado que os gandeiros decidiron seguir adiante e contaron co apoio do Concello, como manifestou a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega Núñez.

Pola súa banda, Eladio Santos tamén mostrou o seu respaldo ao sector nun momento tan complexo, participando na entrega de premios aos mellores exemplares presentes na cita, na que non faltaron xatas, vacas e bois das razas caldelá, vianesa e rubia galega. “O Concello de Castro Caldelas demostrou o seu compromiso co sector gandeiro, chave no futuro da comarca e estratéxico na economía da provincia.

A organización desta feira foi exemplar e o sector ten futuro grazas a iniciativas coma esta”, resaltou o subdelegado. Na foto, o subdelegado do Goberno Central entregando un dos premios aos gandeiros.