Cátedra Valente presenta vídeo dun recital políglota internacional

Con motivo do Día Mundial da Poesía este 21 de marzo

Santiago de Compostela | A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética Universidade de Santiago de Compostela presenta con motivo do Día Mundial da Poesía o vídeo “Valente en recital políglota”, no que o poeta e director de aquela, Claudio Rodríguez Fer le poemas orixinais de Valente en castelán e galego, alternando coa lectura dos mesmos a dezaoito linguas a cargo de valentistas diversos en Europa, Asia, África y América, sen esquecer tampouco o único poema que o autor en cuestión publicou en francés nin unha mostra da súa narrativa.

O vídeo presenta lecturas en sete linguas románicas (galego, portugués, castelán, catalán, francés, italiano e romanés), catro xermánicas (inglés, alemán, neerlandés e sueco), tres eslavas (ruso, búlgaro e polaco), dúas semíticas (árabe e hebreo), grego e chinés, lidas polas persoas que acometeron as traducións ou que colaboran coa Cátedra Valente, entre elas escritores e escritoras galegas como Carmen Blanco, María Lopo, Olga Novo, Cristina Fiaño, Saturnino Valladares, Manuel Fernández ou o propio Claudio Rodríguez Fer; hispanistas como a estadounidense Diana Conchado, a marroquí Fatiha Benlabbah, a mexicana Mariana Vergara, a polaca Marlena Salapat, a chinesa Zhou Wei, a francesa Claudie Terrasson, a italiana Elsa María Paredes Bertagnolli ou o irlandés Manus O’Duibhir; tradutores e tradutoras, ademais de poetas, como o flamenco Germain Droogenbroodt, a búlgara Rada Panchovska, a rusa Anna Orlitskaya ou a romanesa Adina Ioana Vladu; xermanistas como a profesora Rosa Marta Gómez Pato ou a tradutora Neila García Salgado, a filóloga italianista Cristina Marchisio e a profesora catalanista Dolors Perarnau.

Este audiovisual está accesible no Canal YouTube da Cátedra Valente.

Comeza co primeiro poema do primeiro libro de Valente, base programática de toda a súa obra, e, tras mostrar un panorama de todas as temáticas existenciais, sociais, metapoéticas, eróticas e místicas do autor, conclúe cunha significativa cita interactiva do mesmo poeta:

“Hay un lenguaje roto,
un orden de las sílabas del mundo.
Descífralo.”